Temas: XUNTA

A Xunta presume de transparencia

O Goberno galego aposta por "simplificar a linguaxe" para chegar a máis cidadáns e o seu portal de transparencia supera as 100.000 visitas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2017 | Actualizada ás 11:51

Comparte esta noticia

A plataforma Dyntra sitúa como goberno autonómico máis transparente (cun nivel do 91,4 por cento) á Xunta, que, a pesar de reivindicar os avances na materia, ve marxe de mellora. De feito, aspira a puír aspectos, sobre todo comunicativos, dotándose de "unha linguaxe máis sinxela" que permita chegar "a máis cidadáns".

Complexo administrativo da Xunta en San Caetano
Complexo administrativo da Xunta en San Caetano | Fonte: eldiario.es

"Hai que mellorar en proximididade", explicou, en declaracións a Europa Press, a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, quen exemplifica coa necesidade de facilitar, entre outras cuestións, que a información sobre axudas públicas chegue aos galegos e que saiban onde acceder á mesma.

"O recoñecemento nos índices está ben, pero o importante é chegar aos cidadáns", recalcou, aínda que destaca a satisfacción polos "avances" de Galicia nesta materia, nun escenario en que o control público gaña protagonismo cada día e no que os distintos casos de corrupción puxeron máis o foco nas administracións.

Neste sentido, a directora xeral salientou que Galicia conta cunha lei de transparencia "desde o ano 2006", cando gobernaban en Galicia PSdeG e BNG, que foi "actualizada e mellorada", con "máis indicadores" que a normativa estatal, polo actual Executivo que lidera Alberto Núñez Feijóo.

MÁIS DE 100.000 VISITAS

A nova lei foi acompañada da activación dun portal de transparencia que aglutina a información e que, desde a súa posta en marcha o 7 de marzo de 2016 ata o 30 de abril deste ano, alcanzou as 100.868 visitas. A media de páxinas por visita é de 5,27.

No mesmo período computáronse 59.204 visitantes distintos e un total de 532.052 páxinas vistas.

NIVEL DE TRANSPARENCIA DO 91,4%

Segundo a información dispoñible na súa páxina web, Dyntra sitúa a Galicia como a comunidade cun maior nivel de transparencia (un 91,4 por cento). Séguenlle Madrid (cun 90,32 por cento), o Goberno vasco (87,1 por cento), Valencia (86,56 por cento), Navarra (84,41 por cento), e Castela e León e Cataluña (empatadas cun 80,65 por cento).

No extremo oposto figuran Cantabria, cun 53,23 por cento, e A Rioxa, cun 51,08 por cento. A lista elaborada pola plataforma colaborativa, foi xestionada pola Asociación Transparencia Pública coa colaboración directa de oito das 17 comunidades avaliadas, así como de representantes da sociedade civil.

Segundo o detalle da avaliación, Galicia logra un nivel do 100 por cento de transparencia nas áreas de acceso á información e publicidade activa, participación e colaboración cidadá, e contratación de servizos.

En transparencia económico-financeira o índice da comunidade sitúase no 93 por cento fronte ao 86 por cento da área de urbanismo e obras públicas. A puntuación máis baixa da comunidade (un nivel do 83 por cento) está localizada no apartado de transparencia institucional.

Temas: XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta