Nova lea entre PP e PSOE na Deputación de Pontevedra

Os populares denuncian "censura" dunha das súas mocións, na que pedían a comparecencia de Carmela Silva para que ofrecese información sobre o suposto "enchufe" da súa cuñada.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2017 | Actualizada ás 17:33

Comparte esta noticia

A tensión e o enfrontamento dialéctico marcou de novo este luns o desenvolvemento do pleno da Deputación de Pontevedra. A rifa empezou xa antes de comezar a sesión, cando a deputada do PP Elena Muñoz se queixou pola decisión do goberno provincial, argumentada nun informe xurídico do secretario da institución, de "censurar" unha das mocións que o PP presentou para o seu debate.

Carmela Silva.
Carmela Silva.

Muñoz explicou que o grupo popular pedía a comparecencia da presidenta, Carmela Silva, para que ofreza toda a información relativa aos "supostos casos de corrupción", e especialmente polo suposto "enchufe" da súa cuñada.

Porén, Silva non asistiu este luns ao pleno por "recomendación médica ao estar indisposta", e o presidente accidental, César Mosquera, foi quen cominou á portavoz do PP a que cinguise a súa intervención a expor a queixa e que non "aproveitase" para facer un discurso "que non procede".

Elena Muñoz desatendeu as chamadas de Mosquera para que interrompese a súa intervención iniciándose a primeira lea da mañá. Estes enfrontamentos repetíronse durante o debate doutros puntos.

Mosquera cortou mesmo o micrófono á portavoz do PP, Nidia Arévalo, ao superar o tempo asignado para a súa intervención e estar a falar de "asuntos que nada teñen que ver co contido da moción". Esta decisión foi contestada pola bancada popular cunha sonora protesta.

Nidia Arévalo pediu a intervención do secretario do pleno amparándose no regulamento de organización, pero Mosquera animoulle a seguir coa orde do día e advertiu que cortaría calquera intervención que se saíse do previsto. "Non queremos que o pleno se converta nun circo", alegou.

EUCALIPTOS

Así as cousas, o pleno da Deputación aprobou unicamente cos votos a favor do catro deputados do BNG e os deputados da coalición electoral SON-Marea unha moción "pola biodiversidade fronte á eucaliptización". Os deputados do Partido Popular e do PSOE abstivéronse.

Case un cento de veciños de Forcarei acudiron este luns ao Pazo Provincial para asistir ao pleno, no que interviñeron ao comezo da sesión para esixir o mantemento dos traballadores que actualmente prestan servizo no centro de saúde de Soutelo de Montes, unha decisión que tachan de "sensentido" e "atropelo".

Unha portavoz da Plataforma de defensa do Centro de Saúde de Soutelo lamentou o "desmantelamento do centro de saúde por parte do Sergas", que cualificou de "inxustiza e agravio para quen viven no rural".

Así, instou á Administración provincial a que a asignación de médicos "non dependa do número do cadro de persoal", senón que atenda a outros criterios como a dispersión xeográfica ou o envellecemento da poboación.

Tamén criticou o trato dispensado pola alcaldesa de Forcarei, Belén Cachafeiro, membro do grupo provincial do PP na Deputación, á que acusaron de tentar deslexitimalos. "Sentímosnos sós e enganados polo noso Concello", subliñan.

"O Sergas di que vai ter un aforro de máis de 50.000 euros, é iso o que valemos os veciños?", pregúntase a Plataforma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Seica non hai 50.000 euros para manter o Centro de Saúde de Soutelo, pero sobran máis de 108.000 euros para MANTER á cuñada de Carmela Silva http://ccaa.elpais.com/ccaa/2017/04... Esta tropa vainos arruinar a VIDA !!!