Feijóo agradece a "confianza" de Uruguai nas empresas galegas tras a adxudicación dun contrato de 400 millóns

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, agradeceu este luns a "confianza" demostrada polo Goberno de Uruguai cara ás empresas galegas, tras a adxudicación dun contrato de infraestruturas que suporá un investimento de 400 millóns de dólares a dúas firmas galegas.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2017 | Actualizada ás 17:44 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, agradeceu este luns a "confianza" demostrada polo Goberno de Uruguai cara ás empresas galegas, tras a adxudicación dun contrato de infraestruturas que suporá un investimento de 400 millóns de dólares a dúas firmas galegas.

Feijóo reúnese co presidente da Cámara de Deputados de Uruguai
Feijóo reúnese co presidente da Cámara de Deputados de Uruguai | Fonte: Europa Press

Núñez Feijóo reuniuse, en compañía do presidente do Parlamento, Miguel Santalices, cunha delegación uruguaia encabezada polo presidente da Cámara de Deputados de Uruguai, José Carlos Mahía.

Durante o encontro, ambos analizaron a cooperación existente entre Galicia e Uruguai, así como as oportunidades que o país americano supón para Galicia en materia de infraestruturas.

Así, o presidente destacou que dúas empresas galegas do ámbito da construción foron adxudicatarias provisionais da construción da Ruta 14, unha autovía uruguaia que suporá un "potente investimento" de 400 millóns de dólares para a súa construción e o seu mantemento durante os próximos anos.

Con esta información, que Feijóo confía en que se faga firme proximamente, o xefe do Executivo galego expresou a súa "satisfacción" e o "agradecemento" ao Goberno uruguaio pola súa "confianza" nas empresas de construción galegas.

Esta iniciativa forma parte do Proxecto de Infraestruturas do país, presentado polo presidente da República Oriental do Uruguai, Tabaré Vázquez, durante a súa visita o pasado mes de novembro a Galicia.

COLABORACIÓN

Na reunión, Núñez Feijóo incidiu na disposición de Galicia para seguir colaborando e "investindo" en Uruguai, ademais do campo das infraestruturas, en sectores como as enerxías renovables, a consultoría, o naval, a biotecnoloxía ou a alimentación.

Do mesmo xeito, e como contrapartida, tamén confiou no investimento uruguaio en Galicia, destacando que "a estabilidade política" da Comunidade é "unha garantía para as empresas uruguaias".

Finalmente, quixo mandar un saúdo tanto á colectividade de 40.000 galegos que residen en Uruguai como aos 12.000 uruguaios que fan a súa vida en Galicia, dúas colectividades "irmás" e que están "perfectamente integradas".

ESTABILIDADE POLÍTICA

Tamén José Carlos Mahía fixo fincapé durante a súa intervención na "estabilidade política" do país cara ás empresas que pretenden investir nel, ás que "está a achegar certeza desde o punto de vista xurídico e de calidade".

Mahía confiou en que poida continuar a senda de relacións económicas e "humanas" entre ambos os lugares e destacou de forma especial o "vínculo" que une Galicia e Uruguai.

"Temos unha historia común", dixo o presidente da Cámara de Deputados de Uruguai, que quixo "agradecer o achegue cultural" que Galicia fixo ao seu país e apostou por traballar conxuntamente para "mellorar a posibilidade de desenvolvemento" da Comunidade galega en Uruguai e dos uruguaios que se "atopan insertos" en Galicia, "sen perder o vínculo en ningún dos dous lados".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta