Galicia participa nun proxecto europeo pioneiro sobre o potencial socioeconómico da fitominería

O CSIC, a través do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IIAG), é o único socio español do proxecto 'Agromine', cuxo obxectivo "é pór en valor o uso das técnicas de fitominería para a obtención de níquel".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/06/2017 | Actualizada ás 11:34

Comparte esta noticia

O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), a través do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IIAG), é o único socio español do proxecto europeo 'Agromine', cuxo obxectivo "é pór en valor o uso das técnicas de fitominería para a obtención de níquel, demostrando a súa viabilidade en diferentes países europeos e baixo condicións climáticas variadas". Así o explica o CSIC, que engade que o fin último "é demostrar o seu potencial como alternativa verde aos procesos piro e hidrometalúrxicos clásicos, aplicable a recursos mineiros secundarios".

O CSIC participa desde Galicia nun proxecto sobre fitominería.
O CSIC participa desde Galicia nun proxecto sobre fitominería. | Fonte: Europa Press

O proxecto, 'Cropping hyperaccumulator plants on nickel-rich soils and wastes for the green synthesis of pure nickel compounds' —Cultivo de plantas hiperacumuladoras en chans e residuos ricos en níquel para a obtención biomasa destinada á produción de compostos de níquel puro— está financiado polo Programa de Medio Ambiente e Acción polo Clima (LIFE, 2014-2020).

O proxecto está coordinado pola Universidade de Lorraine (Francia) e conta coa participación de socios de Francia (a start-up Microhumus SARL), de Austria (Universität für Bodenkultur Wien e a PEME alchemia-nova GmbH), Bélxica (Universiteit Hasselt), Grecia (Eastern Macedonia e Thrace Institute of Technology e Technological Institute of Thessaly), Albania (a ONG Agro-Environment and Economic Management Center) e o CSIC.

No caso do CSIC, a súa participación establécese a través do Grupo de Microbioloxía (IIAG), dirixido polas científicas Petra Susan Kidd e Ángeles Prieto Fernández.

O grupo, fundado hai algo máis dunha década, dedícase fundamentalmente á mellora de fitotecnoloxías nas que se empregan plantas como especies hiperacumuladoras de metais ou de alta biomasa (chopos ou salgueiros) principalmente aplicadas en chans contaminados (fitocorrección) ou en chans que naturalmente presentan altas concentracións de metais como o níquel (fitominería).

Parcela de traballo do proxecto europeo sobre fitomenería
Parcela de traballo do proxecto europeo sobre fitomenería | Fonte: CSIC.

Na actualidade, segundo indica o CSIC, lidera o proxecto europeo, 'PhytoSUDOE', cuxo labor é promover o uso de plantas na restauración e descontaminación de chans.

A iso únese a súa participación noutras iniciativas centradas, por exemplo, segundo destaca o CSIC, "en explorar o potencial da recuperación de elementos valiosos como terras raras a través da aplicación de técnicas de fitominería en vertedoiros de minas abandonadas e canteiras ou no establecemento, seguimento e avaliación de experiencias de fitocorrección en condicións de campo nas que se empregaron distintas especies vexetais".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta