Para cereixas, as de Ribas de Sil

O Concello celebra esta fin de semana a XV Festa da Cereixa e do Aceite na Praia Fluvial de San Clodio.

Por GC Tendencias | Ribas de Sil | 02/06/2017 | Actualizada ás 09:11

Comparte esta noticia

Nesta localidade do sur lucense a cereixa autóctona cobra protagonismo nesta época do ano. Cando a maduración chega ao seu momento óptimo para ser recollida, os colleiteiros do lugar aproveitan para darlle saída ao excedente nesta festa que cada ano conta con máis visitantes. Nun entorno incomparable como é a Praia Fluvial danse cita este ano 6 postos de produtores de cereixas e un de aceite pero tamén outros con produtos típicos da zona como derivados da castaña, marmeladas, licores, viños. E como non todo vai ser comer complementan o mercado diferentes propostas de artesanía.

Festa do aceite e da cereixa de Ribas do Sil
Festa do aceite e da cereixa de Ribas do Sil

En canto ao programa o sábado 3 comezará pola mañá coa apertura do recinto feiral amenizado polo Grupo de Gaitas local e pola tarde, xornada de pintura ao aire libre, 9º Trofeo da Cereixa de fútbol e baile a partir das 21.30 h.

O domingo 4 pola mañá IV Concentración de vehículos antigos, pasarrúas da Charanga KM 0 e o grupo de Gaitas da Escola de Música de Ribas de Sil. Ás 12.00 h. Festival Folclórico e musical e actuación da agrupación “Os Xograres de Lemos”. Ás 13.00 h o pregón a cargo de Luís Fernández Guitián, Presidente do Consorcio Turístico da Ribeira Sacra. Xa pola tarde, demostración de artesanía en coiro ás 17.00 h. con obradoiro para os cativos a continuación e ás 19.00 h actuación infantil no anfiteatro a cargo de Marionetas Trécola. Fin de festa coa charanga KM 0.

Para comentar algúns detalles do evento falamos con Roberto Castro, tenente alcalde de Ribas de Sil.

Como afectou a xeada á produción deste ano?

Festa do aceite e da cereixa de Ribas do Sil
Festa do aceite e da cereixa de Ribas do Sil

Non tanto como poda parecer. En Quiroga, o concello veciño, e parroquias do mesmo como Montefurado arrasou case por completo pero neste concello tivemos sorte. A maioría das nosas cereixas veñen das aldeas de Casares, Peites e Figueiredo e as cerdeiras están moi achegadas ao río Sil e Bibei co cal o efecto da xeada foi menos agresivo.

Que produción se poñerá á venda este ano?

A estimación é que se poñan á venda entre 1.500 e 2.000 quilos. No caso do aceite calculamos que uns 250-300 litros.

Empeza a haber xa produtores profesionais tanto de cereixas como de aceite?

É difícil porque para vivir exclusivamente destes dous produtos resulta moi complicado, polo menos a curto e medio prazo. Aínda así cómpre salientar a xente como Miguel González, veciño do lugar, concretamente de Figueiredo, que está apostando duramente polo cultivo e comercialización. Fixo xa grandes investimentos en recuperación de oliveiras e cerdeiras, plantacións novas e un muíño industrial que reúne todas as condicións para producir e comercializar aceite autóctono.

Chegades este ano á XV edición. Pensades en pedir o recoñecemento de Festa de Interese Turístico de Galicia?

Pois non che digo que non. Xa o pensamos hai anos antes de que pasaran a 15 o mínimo de celebracións seguidas para poder optar a ese mérito. Témolo que mirar con calma.

Algunha novidade que queiras resaltar do programa deste ano?

O que igual chamará máis a atención é a IV concentración de vehículos antigos que se darán cita na Praia Fluvial o domingo. Nesta ocasión nada máis e nada menos que 37 permanecerán alí expostos para os visitantes.

Seica hai un proxecto de ampliación da vosa “praia fluvial”?

O proxecto consiste en ampliar espazo de lecer e ofrecer instalacións complementarias á praia fluvial nuns 10.000 metros cadrados. Trátase de crear un camping a carón desta con capacidade para un cento de persoas en tendas de campaña e tamén nuns oito bungalós, con zonas de esparexemento como piscinas, parques infantís e biosaudables. E ademais do anterior tamén se pensa na construción dun museo dedicado á minería aurífera romana, moi presente neste val. 

Tags: #Axenda
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Arturo

Ribas de Sil é un dos concellos mais atractivos e mais descoñecidos de Galicia. E sei do que falo.

1 xesc

Xa cho creo. Tense que anunciar máis e saber "vender" eses atractivos.