Democracia, paz e nacionalismo. Europa agarda

A autodeterminación é a razón de ser da democracia, da paz e do benestar dos pobos O mundo iniciou o século XXI con moitos retos importantes, entre eles un fundamental: garantir o respecto dos dereitos colectivos como condición para a paz.

Por Antón Bao | Lugo | 19/05/2010

Comparte esta noticia

 O logro dun maior respecto aos dereitos da xente, deberá ir acompañado do respecto aos dereitos das colectividades como xeito de concretar aqueles en cada realidade nacional.

O mundo irá tendendo cara a maiores doses de democracia e benestar sempre que estes  se aseguren para todas as persoas e para todos os pobos. Por iso o dereito de autodeterminación debe ser unha condición básica da nova orde democrática internacional. Dereito, pois, á autodefinición, á autoorganización e á autoxestión.

A Europa que se está construíndo desde o Atlántico, dende o fisterre galego até os Urais, pode optar por un modelo xacobino ou por un xirondino. Pode optar por copiar a fórmula de construción de moitos estados-nación europeos: un aparato funcionarial omnipresente, a centralización das decisións, a homoxeneización lingüística e cultural. Ou pode optar por recoñecer a pluralidade existente, a diversidade de linguas e culturas, a necesidade de decidir por consenso, ou por maiorías onde todos os pobos teñan voz propia.

Os estadistas da Unión, sen embargo, móvense polo instinto de conservación duns dinosauros, feridos pola arterioesclerose  galopante. Fundamentalmente estados-nación europeos de base plurinacional: España, Francia, Italia, Gran Bretaña, Rusia. Eles e outros son auténticos obstáculos para o progreso fundamentados en falsas razóns de democracia e de funcionalidade.

No 1991 mesmo un socialdemocrata alemán, Björn Engholm defendía que “o estado nacional debe transferir competencias cara ás rexións. Nunha Europa multicultural, tolerante, sen fronteiras, o Estado nacional perde cada vez máis importancia”. Mesmo dende o ámbito económico moitos teóricos apuntan que son máis eficientes as iniciativas dende os gobernos das nacións sen Estado por estar máis preto dos problemas e das solucións.

Perante un mundo inseguro en moitos aspectos o razoable é que as nacións recuperen e amplíen os seus dereitos, que volva ser o horizonte natural da política.

O perigo dos nacionalismo de Estado

Constatacións deste tipo sacoden a placidez dos máis vellos estados-nación de Europa e dos máis recentes e artificiais do planeta. Por iso, todos os estados autoritarios se defenden como gato boca arriba aludindo ao dereito á non inxerencia.

Por iso, estes estados atentan contra a libre determinación dos pobos e mesmo contra os dereitos humanos. As súas estratexias para a eliminación da diversidade, da pluralidade, da identidade están baseadas na minorización demográfica, na supeditación económica, na asimilación lingüística e cultural, no control dos medios de comunicación e do poder simbólico, na consecución de cidadáns leais e alienados. O nacionalismo de estado ataca o núcleo dos valores democráticos e por iso convértese nun dos principais factores de inxustiza e, en consecuencia, de desestabilización do planeta. Polo tanto, hai que ter en conta o que dixeron estadistas como Miterrand e González, Aznar ou D´Alema, Zapatero ou Rajoy, cando falan do perigo dos nacionalismos para a consecución da democracia plena, para a construción inmediata dunha Europa plural, para a paz e a estabilidade no mundo enteiro. Unicamente indicar que os nacionalismos perigosos para a humanidade son os que eles representaron ou representa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xose Antón Bao Abelleira Casado con dous fillos. Viviu na súa infancia e xuventude en Cruzul (Becerreá). Afincado en Lugo dende os anos 90. Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola USC. Profesor de Ensino Medio. Comeza a súa andadura política en 1999 cando encabeza a lista do BNG na candidatura de Becerreá. Concelleiro dende 1999 a 2007. Formou parte da candidatura do BNG ao Parlamento Galego no ano 2001 No 2004 é elixido candidato número un para as eleccións ás Cortes Xerais pola provincia de Lugo. Portavoz do BNG na Deputación de Lugo dende o 2005 ao 2007. No 2007 forma parte da candidatura do BNG nas eleccións municipais no Concello de Lugo. Tras as eleccións obtén acta de concelleiro en Lugo e é elixido Deputado Provincial. Accede ao goberno da Deputación de Lugo como Vicepresidente Primeiro. Dende o ano 2007 é tamén responsable Comarcal do BNG de Lugo e membro do Consello Nacional, máximo órgano de dirección do Bloque.