Temas: DANZA TEATRO

Saen á venda as entradas para o Ballet Nacional Ruso

'O Quebranoces' poderá verse o 11 de decembro no Teatro Afundación de Vigo e o 12 de decembro no Auditorio da Sede Afundación de Pontevedra.

Por GC Tendencias | Vigo | 02/06/2017 | Actualizada ás 19:12

Comparte esta noticia

O Ballet Nacional Ruso visitará Vigo e Pontevedra durante o vindeiro mes de decembro. Así, a compañía representará 'O Quebranoces', de P. Tchaikovsky, o día 11 de decembro no Teatro Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 13) e o día 12 de decembro no Auditorio da Sede Afundación de Pontevedra (Augusto González Besada, 2). Ámbalas dúas funcións están programadas para as 20.30 h. As entradas pódense adquirir a partir de hoxe a través das vías de comercialización habituais da entidade: por exemplo na web Ataquilla.com.

O Ballet Nacional Ruso
O Ballet Nacional Ruso

O QUEBRANOCES, DE P. TCHAIKOVSKY

O quebranoces é un ballet de dous actos con coreografía orixinal de Marius Petipa e Lev Ivanov composto por Piotr Ilyich Tchaikovsky.

O libreto é unha adaptación do conto de Hoffmann O quebranoces e o Rei Rato. Estreouse no Teatro Mariinsky de San Petersburgo, o 18 de decembro de 1892, en sesión dobre coa ópera de Tchaikovsky, Iolanta.

O BALLET NACIONAL RUSO

O Ballet Nacional Ruso foi fundado en 1989, cando o solista do Teatro Bolshoi de Moscova, Sergei Radchenko, tenta realizar a súa visión dunha compañía que reunise os elementos máis clásicos das grandes compañías de Ballet Kirov e Bolshoi nunha nova compañía de ballet independente dentro do marco do ballet clásico ruso. Os principais bailaríns de toda Rusia forxan baixo a dirección de Radchenko unha emocionante compañía poñendo en escena novas producións de clásicos atemporais como Giselle, Don Quixote, Paquita e Carmen.

Desde os seus inicios, o Ballet Nacional Ruso completou numerosas xiras por Europa, con extraordinarias recepcións en Italia, Francia, España, Alemaña, os Países Baixos ou Reino Unido.

A compañía realiza, ademais, xiras por todo o mundo, destacando as realizadas con gran éxito por Turquía (no Festival de Istambul), Xapón, Corea, Singapur e Hong Kong.

Baixo a dirección de Sergei Radchenko, o Russian National Ballet continúa ampliando o seu repertorio. Ademais da posta en marcha de novos traballos tanto en Rusia como no  estranxeiro, a compañía especialízase nos ballets máis complexos do século XX, como A Cincenta, Romeu e Xulieta, A lenda do amor, Flor de pedra e A idade de ouro.

O Ballet Nacional Ruso percorre de costa a costa os EE.UU. todas as tempadas nunha longa xira mostrando o seu amplo de repertorio nas máis importantes salas e teatros do país americano.

Temas: DANZA TEATRO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta