A Universidade de Santiago, entre as mellores do Estado en rendemento investigador e innovador

A última edición do U-Ranking coloca a USC no quinto posto de entre 61 universidades públicas e privadas.

Por GC Emprende | Santiago de Compostela | 03/06/2017 | Actualizada ás 17:41

Comparte esta noticia

O U-Ranking das universidades do Estado español volve situar a Universidade de Santiago de Compostela (USC) no quinto posto de entre 61 universidades públicas e privadas, ordenadas en función do seu rendemento nos ámbitos docente, de investigación e de innovación e desenvolvemento tecnolóxico. A institución compostelá comparte clasificación coas universidades de Deusto, Navarra, Miguel Hernández de Elche, Barcelona, Illas Baleares e Valencia. 

Universidade de Santiago de Compostela
Universidade de Santiago de Compostela | Fonte: USC.

Os datos utilizados para a realización da análise, elaborada pola Fundación BBVA e o Instituto Valenciano de Investigacións Económicas (Ivie), proceden da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas (CRUE), do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, do Observatorio IUNE e Thomson Reuters.

Ademais da clasificación xeral, defínese un segundo nivel de análise -U-Ranking Volume- que ten en conta o volume total de resultados, e no que a USC sube un posto con respecto á clasificación de 2016, pasando do 12 ao décimo primeiro lugar de entre as 61 universidades da clasificación. 

No que respecta á avaliación da actividade investigadora, a USC ascende ao posto número 4 da clasificación, compartindo  nivel con Cantabria e Illas Baleares. Para a avaliación deste capítulo considéranse os recursos públicos competitivos por profesorado doutor e os contratos de persoal doutor e bolsas de investigación e apoio técnico sobre o orzamento total; documentos citables con referencia ISI por doutor/a, sexenios totais sobre posibles e teses lidas por cada cen doutores. 

Tamén se ten en conta o factor medio de impacto, a porcentaxe de publicacións no primeiro cuartil e as citas por documento, así como os fondos de investigación europeos ou internacionais por profesorado doutor e a porcentaxe de publicacións en coautoría internacional. 

INNOVACIÓN E DESENVOLVEMENTO TECNOLÓXICO

Finalmente, no apartado de innovación e desenvolvemento tecnolóxico, Santiago de Compostela volve a  escalar postos, neste caso do 13 ao 8, unha posición especialmente relevante tendo en conta que, como di o propio documento, “a clasificación está claramente liderada polas universidades politécnicas, máis orientadas pola súa natureza cara á transferencia de coñecemento ao sistema productivo”. 

Neste capítulo, mídense os ingresos por licencias e por contratos de asesoramento e os de formación continua; así como o número de patentes por cada cen doutores e as horas de formación continua e o número de contratos  por profesorado doutor. Finalmente, compútanse tamén as patentes comercializadas, as triádicas e os ingresos por contratos internacionais, informa a USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta