Temas: BIERZO

O Bierzo conmemora o aniversario dun dos primeiros escritores en galego

Este 2017 celébrase o bicentenario do nacemento do berciano Antonio Fernández Morales, autor de “Ensayos poéticos”, o segundo libro publicado en galego no Rexurdimento. O 17 de xuño realizarase un acto no que coincidirán Valentín García, Méndez Ferrín, Xosé Henrique Costas ou Anxo Angueira, entre outros.

Por Galicia Confidencial | O Bierzo | 05/06/2017 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

As Médulas para a Lingua e Cultura galegas do Bierzo realizará o sábado 17 de xuño unha homenaxe para lembrar a figura de Antonio Fernández Morales, un militar berciano que foi un dos primeiros en utilizar o galego como lingua literaria no século XIX.

O escritor berciano en lingua galega, Antonio Fernandez Morales
O escritor berciano en lingua galega, Antonio Fernandez Morales

En 1861 publicou Ensayos poéticos en dialecto berciano, o segundo libro escrito en galego no Rexurdimento despois d' A Gaita Gallega, de Xoán Manuel Pintos.  A obra está composta por 8.000 versos distribuídos en 15 poemas en galego e 1 bilingüe castelán-galego.

Participou na revolución de 1868 que derrocou a Isabel II, ascendido a xeneral en 1870, foi nomeado gobernador militar de Toledo. Exerceu, ademais, como deputado do distrito de Vilafranca do Bierzo polo Partido Radical (1872-1873)  e ocupou o cargo de delegado nos Estados Pontificios.

Homenaxe

Así, este sábado terán lugar varios actos. A xornada comezará ás 11.30 horas cunha presentación e lecturas de poemas do autor que presentará Manuel González Prieto, membro do Grupo As Médulas para a Lingua e Cultura galegas do Bierzo. Nel participarán Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Luis Alberto Arias e Gerardo Álvarez, en representación do Consello Comarcal do Bierzo, e representantes do Concello de Cacabelos.

Haberá lecturas de poemas a cargo de Eduardo Campelo Nieto, estudante de primaria en Vilafranca do Bierzo, estudantes de bacharelato do IES Bérgidum Flávium, Cacabelos, Ana Carballo, vicepresidenta do Instituto de Estudios Bercianos e Felipe Lubián, académico correspondente da Real Academia Galega polas Portelas. O acto finalizará cun discurso a cargo do escritor  Xosé Luís Méndez Ferrín e musicando os poemas do escritor berciano estará o grupo 2naFronteira.

Tamén se presentará un libro e se inaugurará a exposición “Fernández Morales: Creacións e Recreacións” que contará coa presenza de Héctor Silveiro, académico correspondente da Real Academia Galega polo Bierzo; Xosé Henrique Costas, académico correspondente da Real Academia Galega e Anxo Angueira, escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro.

A mostra recolle un total de 16 traballos de artistas, fotógrafos e caricaturistas coma Siro López, Xurxo Lobato, Víctor Miguel Villar, Carlos López ou José Luis Almajano, entre outros.

Temas: BIERZO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta