Un ascenso por Isidro Silveira

O Racing aumenta o orzamento un 10/15% para tentar que “Ferrol volva estar na LFP” xa na vindeira campaña. “Volveremos apostar por este proxecto porque o meu pai meréceo”, di Chino Silveira. Amigable co Deportivo o 27 de xullo na Malata.

Por gcdeportes | Ferrol | 06/06/2017 | Actualizada ás 08:38

Comparte esta noticia

“Volveremos apostar por este proxecto porque o meu pai meréceo”. Por Isidro Silveira, será o Racing de Ferrol 2017-18 un Racing ambicioso: “Loitaremos por ascender. Queremos que esta cidade volva estar na Liga de Fútbol Profesional, faremos un equipo que vai estar entre os catro primeiros para xogar o play-off”.

Chino e Jorge Silveira, na súa comparecencia de onte.
Chino e Jorge Silveira, na súa comparecencia de onte. | Fonte: @racingferrolsad

Os irmáns Isidro e Jorge Silveira despexaron as dúbidas sobre o vindeiro proxecto do Racing, e confirmaron a súa aposta polo club racinguista coa conformación dun proxecto ambicioso. “Seguiremos adiantando diñeiro, xa que fai falla para cumprir cos xogadores e provedores, como se fixo nos últimos 20 anos, coa esperanza de que o Concello cumpra cos seus compromisos e manteña a axuda prometida”.

O conselleiro delegado racinguista Isidro Silveira comunicou xa tanto ao presidente, Pepe Criado, como ao técnico, Miguel Ángel Tena, que o orzamento para confeccionar o plantel medrará un 10/15% con respecto ao do ano pasado, polo que xa poden comezar a traballar na procura de reforzos. Segundo Chino Silveira, o primeiro equipo xa ten unha base importante da pasada campaña, con dez xogadores, e terán que vir seis fichaxes e outras tres con ficha sub-23. “Temos que acertar co que fichemos”, apuntou. Silveira anunciou a renovación do capitán Pablo Rey por dúas campañas, co segundo ano condicionado a cumprir un número de partidos.

Sobre as posibilidades de que algún grupo inversor compre as accións da familia, o dirixente racinguista recoñeceu que recibiron varias propostas, pero “só valoramos os proxectos serios para Ferrol, con inversión e con futuro, pero non hai nada pechado ata que o Concello saque as condicións para a venda das súas accións”.

O Racing quere ademáis coidar a canteira, e Jorge Silveira será o encargado de coordinala xa dende a vindeira campaña: “Queremos facer un proxecto de cinco anos con miras ao primeiro equipo, potenciar a canteira a longo prazo para que poidan chegar ao primeiro plantel”. Nese senso, adiantou que tres xuvenís farán a pretempada co primeiro equipo ás ordes de Tena: Luis Rodríguez Chacón, Iván Pérez e Sergio Otero, xogadores que ademáis terán contrato co club.

Sobre a vindeira pretempada, o Racing negocia cos tres grandes clubs galegos para celebrar encontros amigables na Malata. O primeiro en ser confirmado é o Deportivo, que xogará en Ferrol o vindeira 27 de xullo. Por último, Isidro Silveira anunciou que Nike onfeccionará a nova camisola para a tempada 2017-18, na que o Racing, segundo pretende a familia Silveira, loitará polo ascenso á Segunda División.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta