Temas: LUGO COWORKING

Como emprender a través dos espazos coworking

20 lucenses puxeron en marcha a súa empresa grazas ao plan Inicia Coworking impulsado polo Concello de Lugo e a EOI.

Por GC Emprende | Lugo | 07/06/2017 | Actualizada ás 11:22

Comparte esta noticia

Un total de 20 novos emprendedores lucenses puxeron en marcha a súa propia empresa grazas ao Inicia Coworking, un programa impulsado polo Concello de Lugo en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI) que ofrece de xeito gratuíto un apoio integral, individual e personalizado para lanzar con éxito un negocio, asegurando a súa viabilidade tanto técnica como financeira.

Un emprendedor
Un emprendedor

A primeira fase do plan Inicia Coworking, que se desenvolveu nas instalacións do CEI Nodus durante os últimos cinco meses, terá o seu “broche de ouro” este xoves, cunha gala no MIHL, na que os emprendedores expoñerán ante o tecido empresarial os seus proxectos. Os actos desenvolveranse entre as 17:00 e as 22:15 horas.

260 proxectos

Este programa está dotado cun orzamento de 800.000 euros, ofrecerase entre este ano e o 2018 de xeito gratuíto a máis de 260 lucenses un apoio integral, individual e personalizado, para poñer en marcha con éxito a súa empresa, asegurando a súa viabilidade tanto técnica como financeira. 

Aséntase sobre 5 piares: obradoiros de formación; asesoramento personalizado e especializado; networking ou rede de contactos; presentación do proxecto ante inversores e busca de financiamento.

Posibilidades de futuro

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destacou a calidade e as posibilidades de futuro dos 20 proxectos que naceron ao abeiro da primeira edición do Inicia Coworking, a maior parte deles relacionados coas novas tecnoloxías, turismo e consultoría. Méndez felicitou aos seus impulsores “por afianzar a súa idea e polo seu esforzo para chegar ata aquí”, e convidounos a seguir utilizando as instalacións do CEI Nodus para consolidar o seu proxecto e “aproveitar as sinerxias con outros emprendedores, empresas e administracións”. Ademais, desexou “éxito” a estas 20 iniciativas, “que de pequenas empresas pasen a ser grandes empresas, e xeren máis emprego, como xa ocorreu noutros casos en Lugo; iniciativas que empezaron de pouco son hoxe grandes firmas, mesmo de ámbito internacional”.

Xa está aberta a segunda convocatoria do Inicia Coworking, da que se beneficiarán outros 20 emprendedores. Os interesados poden solicitar a súa participación a través da páxina web do Concello, www.lugo.gal, ata o vindeiro 23 de xuño. O próximo ano abriranse dúas convocatorias máis, coas que se ofrecerá apoio a outros 40 emprendedores.

Pola súa banda, o mentor dos proxectos emprendedores, Roberto Touza, puxo en valor o traballo dos profesores que pasaron polo programa Inicia Coworking, “da talla de Andrés Pérez Ortega ou Javier Martín, de recoñecido prestixio a nivel nacional” e dos mentores, que prestaron un asesoramento persoal e individualizado.

A Deputación de Lugo  colaborou co Inicia Coworking a través da Fundación TIC coa elaboración dun vídeo promocional no que os propios 20 emprendedores beneficiarios desta primeira edición explican o seu proxecto. Este material audiovisual difundirase nas redes sociais e a través dos medios de comunicación.

Temas: LUGO COWORKING
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta