Por Galicia Confidencial | Madrid | 08/06/2017 | Actualizada ás 10:35
O deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara para demandarlle ao Ministerio de Facenda que respecte os dereitos lingüísticos dos galegos e galegas a ser atendidos en lingua galega.
Miguel Anxo Fernán Vello alude a un caso recente denunciado pola Mesa pola Normalización Lingüística dunha persoa que pediu o borrador da declaración en galego e llo remitiron en español. Esta persoa decidiu chamar ao teléfono de atención de información para comunicar o equívoco e pedir que se lle remitise en galego. 2A pesar de estar no seu dereito, recibiu un trato lamentábel por parte da operadora de Facenda, que se limitou a increparlle se non entendía o español”, recolle a iniciativa.
“Desde calquera punto de vista, o trato recibido por parte deste cidadán é absolutamente censurábel. A Administración Xeral do estado, como puxemos de manifesto en diversas iniciativas parlamentares anteriores, ten o deber de cumprir a legalidade vixente en materia lingüística... e non guiarse por xuízos de valor de carácter ideolóxico-persoal”, afirma Miguen Anxo Fernán Vello.
Para o deputado de En Marea, “lamentabelmente, esta situación non é nova”. “Repítese con demasiada frecuencia na xestión de trámites en Facenda”, sinala. Por iso, insta ao Ministerio dar as instrucións precisas para que se remanten este tipo de actitudes intolerantes e irrespetuosas para coas linguas cooficiais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.