O rexistro público das axudas discrecionais da Xunta deixa de funcionar

A Xunta de Galicia leva medio ano sen actualizar o seu Rexistro de Convenios. O último acordo que figura na web da Vicepresidencia ten data de 20 de decembro de 2016.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 08/06/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Trátase dunha violación clara do Decreto 126/2006, do 20 de xullo, polo que se regula o Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia. A norma establece quince días para que os convenios sexan remitidos ao Rexistro. 

En primeiro plano, Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta e responsábel do Rexistro de Convenios
En primeiro plano, Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta e responsábel do Rexistro de Convenios

Dende a súa creación durante o bipartito, o Rexistro tardaba a súa vez algún mes máis en publicar os acordos que lle eran remitidos. Con todo, en ningún caso pasaran tantos meses sen publicar ningún dato, como sucede agora.

RESPOSTA DA XUNTA

A que se debe esta parada? Dende a Vicepresidencia da Xunta, voceiros oficiais consultados por GC admiten que “comprobamos que non se están publicando, é a primeira noticia que temos ao respecto”. “Estamos averiguando a que se debe”, engaden.

Cada consellería e organismo segue a publicar os seus convenios cuadrimestralmente no DOG. Ademais, esta información é enlazada dende o Portal de Transparencia.

Agora ben, os datos publicados no Diario Oficial e no citado portal non cumpren os mínimos fixados pola Lei. Alí só se publican o título do convenio, a data de sinatura e o importe. 

Nin rastro doutros datos que deben ser públicos,  como o prazo de vixencia. Ademais, antes no Rexistro de Convenios podíase consultar o texto íntegro do convenio e memoria xustificativa.

MENOS INFORMACIÓN PÚBLICA

Por exemplo, podiamos acceder ao texto íntegro e a memoria xustificativa deste convenio do ano pasado, polo que Medio Rural lle pagou 25.000 a La Voz de Galicia a cambio da “divulgación das políticas da Consellería na Prevención contra os Incendios”.  Así, era público o detalle de que a Xunta estaba a pagar contidos patrocinados na serie de televisión Serramoura.

Polo contrario, este ano, non podemos acceder aos detalles do convenio polo que Medio Rural pagoulle en xaneiro 149.000 euros a La Voz pola “elaboración, maquetación, publicación e divulgación dun suplemento de accións divulgativas e informativas relacionadas co desenvolvemento da produción agroalimentaria de Galicia”. 

"O caso dos convenios publicados que fosen asinados a partir do 7 de marzo de 2016, data da entrada en vigor da Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno de Galicia, será posible descargar directamente, desde o Portal de Transparencia e Goberno Aberto ou desde este mesmo portal, o texto do convenio, íntegro ou previamente depurado, así como a súa memoria xustificativa". Así describe a web do Rexistro de Convenios a funcionalidade que xa non presta.

Coñecer os detalles dos convenios é moi relevante para o nivel de transparencia de calquera administración. A diferencia das subvencións -que por Lei deben ser outorgadas aplicando unhas regras públicas-, os convenios permiten dar axudas a dedo, discrecionalmente, sempre que o obxecto destas non teña ánimo de lucro. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 anonimo

Transparência Feijó sem dissimulos. Ele fala e os feitos cantam

1 Gamela

canta máis transparencia máis opacidade ? toma convenios ! http://www.xunta.gal/dog/Publicados...