A Xunta pagará case 60.000 euros a unha empresa por facer o labor dos axentes medioambientais

Medio Ambiente licita os traballos de elaboración do censo de aves invernantes en Galicia e de valoración do estado de conservación das aves acuáticas invernantes na Rede Natura 2000. Aprafoga denuncia que se contrate empresas privadas con fondos europeos cando esa labor é parte das funcións dos axentes medioambientais.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/06/2017 | Actualizada ás 12:48

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio licita hoxe no Diario Oficial de Galicia os traballos para a valoración do estado de conservación das aves acuáticas invernantes na Rede Natura 2000 e para a realización do censo de aves acuáticas invernantes en Galicia correspondentes aos anos 2018-2019. O importe de licitación deste contrato ascende a case 60.000 euros, cantidade que a Xunta podería aforrar se lle enconmendase esta tarefa aos seus axentes medioambientais, que denuncian a contratación de empresas privadas para facer o seu labor.

Lavancos (Anas platyrhynchos)
Lavancos (Anas platyrhynchos) | Fonte: Flickr Contando Estrelas

Aprafoga, a Asociación Profesional dos Axentes Forestais e Medioambientais de Galicia, vén de denunciar este feito, ao entender que o Goberno galego "gastará máis de 57.000 euros para que unha empresa faga censo de aves, o que poderiamos facer os axentes medioambientais", xa que "está nas nosas funcións", advirten.

O importe de licitación deste contrato, que ascende a 57.051,50 euros, está cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) para Galicia 2014-2010.

Os traballos realizaranse nun mínimo de 68 localidades, tanto costeiras como do interior e levaranse a cabo durante un período de 18 meses, entre o período 2017-2019, informa a Consellería.

CENSO

As aves acuáticas constitúen un amplo e diverso grupo ecoloxicamente dependente da auga nalgunha etapa do seu ciclo vital. Na súa maioría son especies migratorias que realizan grandes desprazamentos desde as súas áreas de cría ata os seus cuarteis de inverno, utilizando como áreas de descanso unha serie de humidais situados nas rutas migratorias. A gran maioría das especies acuáticas invernantes en Galicia atópanse incluídas na Lista de especies silvestres en réxime de protección especial, polo que de acordo co artigo 9 do Real decreto 139/2011, do 4 de febreiro, para o desenvolvemento da Lista de especies silvestres en réxime de protección especial e do Catálogo español de especies ameazadas, deben ser obxecto dun seguimento específico por parte das comunidades autónomas nos seus ámbitos territoriais, co fin de realizar unha avaliación periódica do seu estado de conservación. Este seguimento debe realizarse de forma coordinada para aquelas especies que comparten os mesmos problemas de conservación, determinadas afinidades ambientais, hábitat ou ámbitos xeográficos.

A adecuada e necesaria xestión da rede de Zonas de especial protección para as aves (ZEPA) e outros humedais de interese incluídos na Rede Natura 2000 de Galicia no que se refire ás aves acuáticas invernantes, importante valor da rede, inclúe a necesidade de definir o estado de conservación favorable e actual das especies así como o de establecer obxectivos de conservación con valores favorables de referencia, integrando os valores poboacionais coa situación dos hábitats que utilizan. 

A estimación da abundancia das poboacións invernantes de aves acuáticas en Galicia e a súa distribución nos principais humidais galegos é fundamental para dispoñer de información actualizada do estado de conservación destas especies e dos seus hábitats.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Miradoiro

Discrepo por hoxe, nin a plantilla de axentes, nin a súa cualificación, nin a súa dotación material lles permitiría facer un censo tan específico. Outra cousa é que se puxeran medios para contar con técnicos entrenados para facelos censos no futuro, pero non é a realidade actual

1 Xesús Ateo Recalcitrante

Unha pregunta: ¿A empresa é dalgunha persoa ligada ao Partido Popular ou de algún amigo de dirixente do Partido Popular?