Temas: FORESTAL

A Axencia Galega da Industria Forestal podería estar operativa este mes

A creación deste organismo foi incorporada pola Xunta a través da lei de medidas fiscais e administrativas que acompañou aos orzamentos para este ano 2017.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2017 | Actualizada ás 15:16

Comparte esta noticia

O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que o seu Goberno vai tentar que a Axencia Galega da Industria Forestal "funcione neste primeiro semestre" de 2017. Esta intención adiantouna durante a sesión de control no pleno do Parlamento, a preguntas da portavoz do BNG na Cámara, Ana Pontón, quen recriminou ao presidente galego que "o seu modelo forestal fracasou". En resposta a isto, Feijóo subliñou que o seu Executivo pretende "tentar acordar cos concellos e co sector" o plan forestal e que a axencia estea operativa este primeiro semestre, isto é, antes de que conclúa xuño.

Bosque de eucaliptos
Bosque de eucaliptos

A creación da Axencia Galega da Industria Forestal foi incorporada pola Xunta a través da lei de medidas fiscais e administrativas que acompañou aos orzamentos da comunidade autónoma para este ano 2017.

"FREAR A EUCALIPTIZACIÓN"

No debate, a líder nacionalista instou ao tamén xefe de filas dos populares galegos a frear a eucaliptalización de Galicia, tras falar de "descontrol" e "febre expansiva" desta especie.

Ademais, advertiu de que se están plantando "máis" eucaliptos na comunidade galega "que en Australia" e alertou dun "grave problema" de territorio "abandonado", coa vinculación que todo isto ten cos incendios.

Na súa quenda, Feijóo defendeu ás familias que "viven da riqueza forestal", e sinalou que lle "preocupan", aínda que viu "xusto recoñecer" que a proliferación do eucalipto "en determinadas zonas" parécelle "excesiva".

Por iso, apostou por "acordar" co sector e municipios o plan forestal, que trata de revisar para actualizar a Xunta. Doutro lado, atribuíu "cero" política forestal do Bloque cando estivo á fronte desta materia no bipartito.

"MANGUEIRA E CASTELÁNS"

Pontón respondeulle que "esta é unha cuestión de país" e rexeitou "caer no cortoplacismo". "Non me vai a ver cunha mangueiriña e cuns zapatos casteláns", espetoulle, en alusión a unha coñecida fotografía de Núñez Feijóo durante os incendios.

Neste contexto, a nacionalista apostou por "un novo plan de ordenación de usos do monte", para "que aproveite o potencial e a riqueza e as oportunidades que hai" en Galicia.

Os puntos básicos que debe incluír, a xuízo do Bloque, son unha "moratoria" para frear a expansión do eucalipto, un plan de transformación da madeira, beneficios fiscais e axudas para favorecer a implantación especies autóctonas e outro plan para dotar o monte dun carácter multifuncional.

Pola súa banda, Feijóo recibiu numerosas críticas desde as bancadas da oposición ao asegurar que "entre piñeiros e frondosas" son "o triplo" que os eucaliptos en Galicia. Ante os reproches, afirmou que "ao paradigma nacionalista non lle importa a realidade".

PLISAN

Ante a presenza no palco de invitados de veciños de Salvaterra de Miño (Pontevedra), o portavoz socialista no Pazo do Hórreo, Xoaquín Fernández Leicega, preguntou a Feijóo na súa quenda na sesión de control pola plataforma loxística desta localidade, a Plisan. "Vinte anos para 10 hectáreas", recriminoulle.

Así, o portavoz parlamentario do PSdeG criticou "anuncios pero poucas realidades" desde 2009, e avisou de que hai "proxectos importantes que buscan localización". Con todo, segundo asegurou, a "dispoñibilidade de solo industrial barato e de calidade" no país "segue sendo materia pendente".

"Mentres a Xunta sesteó, Portugal mete a directa", advertiu a continuación, ao que Feijóo respondeu aos socialistas que "revisen vostedes os convenios metalúrxicos, de servizos", etcétera, no país veciño. "Seguro que non imos propor unha rebaixa dos salarios galegos. Eu non", sentenciou.

A continuación, Feijóo indicou que "si" lle gustaría que os concellos galegos adoptasen a "mesma política fiscal" que os lusos, e interrogou a Leiceaga sobre se "vai apoiar ao Goberno para solicitar aos concellos que rebaixen ou exoneren" do IBI, o imposto de construcións e o de actividades económicas a empresas que se instalen en Galicia.

"MIRANDO PARA OUTRO LADO"

Enfronte, Leiceaga censurou outras cuestións como que a implantación das primeiras empresas na Plisan "xa non" está prevista para 2017, senón para 2019, que a plataforma se atopa "sen conexión directa coa Meseta" e con "infraestruturas importantes aínda por licitar".

A este respecto, Feijóo preguntoulle se "sabe quen aprobou en Europa e quen propuxo en Europa o corredor de mercadorías no norte", para responderse a si mesmo que "o Partido Socialista Obreeo Español".

"Foi o PSOE o que nos privou dunha saída desde Galicia cara á Meseta en materia de mercadorías. E temos agora que tentar recuperar o tempo perdido para ter unha saída desde Galicia a través de Monforte coa Meseta para mercadorías. A quen quere enganar?", soltou.

Nun momento de recuperación, Leicega chamou a atención sobre que "a expansión se preparase durante as recesións". E, para o portavoz socialista na Cámara galega, Feijóo "estivo a mirar para outro lado".

O presidente galego, na súa quenda, considerou esta unha boa semana para falar de venda de solo industrial, tras a compra na Laracha (A Coruña) por parte de Inditex e outra dunha empresa viguesa en Nigrán (Pontevedra). "Dous exemplos claros de que a recuperación está a reactivar a venda de solo industrial", na súa opinión.

Ademais, lembrou como se atopou o actual Goberno as políticas de chan en 2009, con catro Xestur (sociedades de xestión do solo) "crebadas". "O que fixemos foi pagar 200 millóns dunha pésima política de chan industrial do bipartito", subliñou.

Temas: FORESTAL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta