Temas: MúSICA

O mellor blues na fin do mundo

Unha gran oferta de bandas do xénero (Lazy Lester & Lazy Boots, Greg Izor & Iker Piris, Fisterra Blues Experience House Band, Bakin Blues Big Band e Sabela King & The Heartbreakers), gastronomía e turismo únense nun novo evento organizado en Fisterra.

Por GC Tendencias | Fisterra | 09/06/2017 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

A primeira edición deste Fisterra Blues Experience terá como cabeza de cartel a unha lenda vida do swamp blues (blues do pantano), Lazy Lester, que chega desde Louisiana acompañado pola súa banda en España, Lazy Boots. Autor de clásicos que foron versionados por grandes grupos como The Kinks, é toda unha experiencia velo nos seus directos, onde segue a congregar fans de todo o mundo, co seu inconfundible estilo. 

Bakin Blues Band
Bakin Blues Band

Desde Estados Unidos tamén chega Greg Izor, unha das potencias emerxentes entre os harmonicistas de blues, que mestura sons de Louisiana, Chicago e Texas, cun estilo persoal, tradicional e fresco. Lidera varias formacións ademais da súa banda principal en Austin, The Box Kickers. Desde hai anos, tamén é frontman dos lexendarios Anson Funderburgh & the Rockets. Estará acompañado polo vasco Iker Piris (Tolosa, 1979), líder de The Romanticos, que conta con tres discos no mercado e participou nos principais festivais europeos de blues.

Outro dos puntos fortes será a banda residente do festival, a Fisterra Blues Experience House Band, creada en Madrid expresamente para este evento e presentada na sala Intruso de Madrid o 31 de maio. 

Pola banda galega chegan os Bakin’ Blues Big Band liderados por Javier Turnes, tamén director do festival. A Bakin’ naceu en 2008 en Santiago de Compostela e medrou nos diferentes clubs da cidade até participar en festivais de toda a Península.

E, por último, tamén participarán Sabela King & The HeartBreakers, o trío formado por Sabela King, Ramón Figueira “Figui” e Benjamín Vázquez. Estilisticamente móvense entre o blues, o country e o soul dos 50 e dos 60, adaptando versións dos clásicos destes xéneros e temas actuais a un formato reducido.

Presentación do Fisterra Blues Experience
Presentación do Fisterra Blues Experience

Outras actividades

Alén da programación musical, tamén haberá jam sessions por toda a vila, obradoiros para toda a familia (un didáctico para nenos e nenas e outro de baile), ademais dun roteiro gastronómico, unha feira de artesanía e mesmo viaxes en barco con música blues en directo.

A primeira edición deste Fisterra Blues Experience está organizada polo Concello de Fisterra, coa colaboración da Deputación da Coruña, da Sociedade de Blues de Compostela e a Sociedad de Blues de Madrid.

Temas: MúSICA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta