Triunfo galego na vela

O pontevedrés Fernando Echávarri e a canaria Tara Pacheco acadan a medalla de ouro na clase olímpica Nacra 17 nas finais da Copa do Mundo en Santander. Iago López Marra, quinto na clase 49er.

Por gcdeportes | Pontevedra | 10/06/2017 | Actualizada ás 19:12

Comparte esta noticia

Outro triunfo para o galego Fernando Echávarri e a canaria Tara Pacheco, insuperábeis na clase Nacra 17. A parella galego-canaria acadaron este sábado a medalla de ouro nesta modalidade olímpica nas finais da Copa do Mundo de vela que se disputan en Santander.

Echávarri e Pacheco, ledos no alto do podio.
Echávarri e Pacheco, ledos no alto do podio. | Fonte: @worldsailing

O regatista pontevedrés e a canaria afrontaban a última xornada (Medal Race, de puntuación dobre) con 21 puntos e 18 de vantaxe sobre os británicos Gimson e Burnet, de xeito que chegaba cun noveno posto (cun total de dez embarcacións) para quedar co ouro. Sempre coa regata baixo control, a embarcación de Echávarri e Pacheco entrou en meta na cuarta posición, por diante da parella británica, sexta.

Ao final, Fernando Echávarri e Tara Pacheco acadaron o ouro cun total de 25 puntos, con vinte de vantaxe sobre Gimson e Burnet, con 45. Deste xeito, Echávarri e Pacheco repiten vitoria nas finais da Copa do Mundo en Santander, tras gañar a segunda proba en Hyéres a finais de abril.

Na clase 49er, o cántabro Diego Botín e o galego Iago López Marra quedaron quintos despois de ser penalizados cun fóra de liña na Medal Race.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta