Feijóo quere facer de Galicia a plataforma loxística de China no sur de Europa

O presidente da Xunta, de visita no país oriental, di que Galicia ten que aproveitar o proxecto da nova Ruta da Seda para "estreitar" as relacións comerciais con China". Aposta por reducir impostos ás empresas estranxeiras e ofrecer chan industrial a baixo custo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/06/2017 | Actualizada ás 18:43

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou este luns na súa viaxe oficial a China que Galicia ten que aproveitar o proxecto da nova Ruta da Seda para "estreitar" as relacións comerciais con este país e situarse como plataforma loxística para o sur de Europa. Durante un encontro coa Cámara de Comercio para a Importación e Exportación de Maquinaria e Produtos Electrónicos deste país, Feijóo trasladou a disposición de Galicia de chegar a ser unha "ligazón máis" nos plans de apertura económica de China cara a Europa, incidindo en que Galicia é unha rexión que, grazas á súa situación xeográfica, conta cunhas "condicións excelentes" para o tráfico marítimo.

Alberto Núñez Feijóo, primeiro presidente galego en viaxe oficial a China
Alberto Núñez Feijóo, primeiro presidente galego en viaxe oficial a China | Fonte: Xunta.

O presidente galego dixo que 1.400 quilómetros de costa converten a Galicia no "corazón do arco atlántico e nun enclave estratéxico para o transporte de mercadorías". "Por iso somos o porto de Europa", asegurou, destacando o porto pesqueiro de Vigo, o máis importante de Europa e onde se atopa unha das tres zonas francas de toda España; os portos exteriores da Coruña e Ferrol, cuxo calado permite, as 24 horas do día, a entrada de buques de gran tonelaxe; as terminais portuarias de Marín e Vilagarcía de Arousa; ou os 122 portos pesqueiros que acollen a actividade diaria da frota.

"O sistema de autoestrada do mar ten, por tanto, en Galicia, un porto de referencia", dixo Feijóo, engadindo que esta infraestrutura se complementa cunha rede viaria de case 5.600 quilómetros, co tren de alta velocidade e con tres aeroportos.

Na mesma liña, lembrou que Galicia está, a día de hoxe, entre as sete comunidades españolas que máis exportan a China e que máis importa do país asiático. O pasado ano, 477 empresas galegas exportaron a este país, un 15 por cento máis que en 2015.

China, apuntou, é o principal destino en Asia para as exportacións galegas e o terceiro país do que Galicia máis importa, despois de Francia e Portugal. E tres cuartas partes das exportacións a este país, despois do téxtil, son materias primas e produtos intermedios da industria agroalimentaria.

SEGURIDADE E CRECEMENTO

Ao longo da súa intervención, Feijóo referiuse ás empresas galegas como a "mellor credencial" que presentar neste encontro, lembrando que "no medio dunha das peores crises económicas que viviu a economía mundial", a súa capacidade para abrirse paso fóra do mercado doméstico e para atopar novos nichos de negocio, "foi vital".

"Nestes últimos catro anos, as exportacións galegas non só bateron marcas, senón que foron un factor a ter en conta polos principais organismos económicos que levan tempo prognosticando un crecemento positivo da nosa economía", dixo Núñez Feijóo.

O presidente expuxo tamén o esforzo do Goberno galego por xerar "un marco de estabilidade institucional" e de "responsabilidade financeira" para propiciar esta mellora.

Durante a súa intervención, Feijóo referiuse á «Marca Galicia», un "aval de innovación, de calidade e de fiabilidade" que sitúa o país "en disposición de conquistar tanto mercados estranxeiros como investimentos de empresas que aposten pola man de obra e polo saber facer da industria galega".

Entre outras cuestións, o presidente galego mencionou a industria 4.0, o sector da automoción ou o potencial do sector naval, entre outras cuestións.

INVESTIMENTOS

No campo da captación de investimentos, Feijóo trasladou a idea de que Galicia busca ser unha terra "onde as empresas non atopen pedras no camiño" á hora de investir e poidan establecerse en calquera dos seus polígonos industriais.

"Con esta finalidade, estamos a suprimir ao máximo as trabas burocráticas para facilitar a actividade empresarial na nosa terra, para facela atractiva tanto polo nivel de cualificación da súa industria e dos seus traballadores como por ofrecer unha man tendida a aquelas empresas que queiran instalarse nela", explicou.

Ao respecto, garantiu o compromiso de que as empresas que queiran traballar en Galicia paguen menos impostos; realicen menos trámites administrativos para instalarse ou pór en marcha un negocio; e dispoñan de chan industrial a baixo custo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 frijoles e ruina segura

namentras non sexa a ruta do opio...