Natxo Lezcano para o ascenso

O Cafés Candelas Breogán confirma a continuidade unha tempada máis do técnico biscaíño, de 44 anos, que cumplirá a súa segunda campaña no banco lucense.

Por gcdeportes | Lugo | 13/06/2017 | Actualizada ás 10:03

Comparte esta noticia

A tempada 2005-06 foi a última do CB Breogán na ACB. Dende entón, once campañas consecutivas na LEB Ouro. Para acadar ao fin o tan ansiado ascenso, Natxo Lezcano seguirá como o adestrador do Cafés Candelas Breogán.

O club lucense anunciou este luns a continuidade do técnico biscaíño, de 44 anos, que levou o equipo lucense á súa mellor clasificación (segundo) dende hai tempo na Liga regular pero que caeu nas semifinais do play-off de ascenso ante Burgos (0-3) malia a vantaxe de campo.

Á súa chegada a Lugo, o técnico firmara un contrato dun ano que se ampliaría a dous de clasificar o Breo para os play-offs de ascenso. Malia acadar o obxectivo, Natxo Lezcano deuse unhas semanas para reflexionar, falar co club e ver as súas intencións antes de confirmar a renovación. Case vinte días despois da terceira derrota con Burgos, o Breo anuncia a continuidade de Natxo Lezcano.

Nunha entrevista recente en El Progreso, o técnico lucense falou das súas pretensións para o plantel do vindeiro curso: “Me quedaría con cinco o seis jugadores del equipo y ficharía a gente con experiencia en la LEB Oro". A partir de xa, técnico e club traballan para conformar un equipo con aspiracións para regresar, doce anos despois, á Liga ACB.

Falta agora saber como quedarán finalmente a ACB e a LEB Ouro para a vindeira campaña, a posíbel rebaixa nos requisitos para acceder á máxima categoría e cantos ascensos e descensos haberá o vindeiro curso (fálase da posibilidade de tres descensos e un ascenso para reducir o número de equipos na ACB, unha esixencia de Real Madrid, Barcelona, Baskonia e Málaga).

Natxo Lezcano, unha campaña máis en Lugo.
Natxo Lezcano, unha campaña máis en Lugo. | Fonte: @CBBreogan

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta