A Fiscalía de Ourense pide a apertura de xuízo oral por coaccións contra a muller que denunciou a Baltar

A acusación popular considera que quen tería que facer esta solicitude é Baltar e non o fiscal xefe de Ourense

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/06/2017 | Actualizada ás 18:54

Comparte esta noticia

O fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, solicitou a apertura dun xuízo oral por un delito de coaccións contra Teresa F. C, a muller que denunciou ao presidente da Deputación provincial, Manuel Baltar, por ofrecerlle supostamente un posto de traballo a cambio de manter relacións sexuais. A Fiscalía considera que existen "indicios racionais sólidos" que demostran que a muller quería obter un traballo na Deputación ou en entidades vinculadas á mesma, semellante ao dun funcionario ou de persoal fixo, pero "sen realizar as probas de selección legais e necesarias".

O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar (PP)
O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar (PP)

Como xustificación destes indicios, o fiscal baseouse nas denuncias, conversacións telefónicas e declaracións achegadas pola propia denunciante, así como nas declaracións do denunciado Manuel Baltar e do seu pai e antecesor no cargo, José Luís Baltar.

Para a Fiscalía a muller tentou "presionar" con "un suposto pacto e unha suposta relación sexual" de forma directa ao presidente da Deputación ourensá, pero tamén ao seu pai e antecesor no cargo, José Luís Baltar, para que influíse no seu fillo e lle dese "de maneira ilícita un posto de traballo".

Segundo o fiscal, isto evidenciaríanse a través das propias conversas gravadas pola investigada cando abordaba na vía pública a ambos, e reiterando a súa petición nos distintos contactos que mantivo con eles.

O escrito de Fiscalía incide en que aínda que Manuel Baltar e José Luís Baltar "se sentiron presionados para realizar un acto ilegal" non realizaron "ningunha actuación" que permitise á muller lograr os seus obxectivos.

Por este motivo pide que se abra xuízo oral por coaccións á denunciante, mentres que mantén o sobresemento das actuacións co resto dos investigados: Manuel Baltar, por acoso sexual e suborno; e José Luís Baltar, por suborno.

ACUSACIÓN POPULAR

Pola súa banda, a acusación popular, exercida por Democracia Ourensá (DO), mostrou as súas "reservas" sobre a "lexitimidade da Fiscalía para entrar no tema das coaccións". Así, o avogado da formación considera "sorprendente e curioso" que quen realice esta acusación sexa o fiscal, cando "debería facelo o suposto coaccionado (Manuel Baltar)".

Tamén chamou a atención sobre o feito de que as mesmas probas e gravacións que se descartan a favor do suposto delito de acoso sexual por parte da denunciante "teñan credibilidade e transcendencia" para xustificar esa suposta coacción.

Democracia Ourensá confirmou que recorreu o sobresemento provisional e o arquivo das actuacións contra o presidente da Deputación, Manuel Baltar Blanco, polos presuntos delitos de acoso sexual e suborno, e que mantén que siga a instrución contra o presidente da Deputación e a muller "por delitos de suborno e tráfico de influencias".

O CASO BALTAR

A causa iniciouse en 2016 por mor dunha denuncia de Teresa F. C., quen acusou ante a Fiscalía a Manuel Baltar de ofrecerlle un emprego a cambio de sexo e achegou varias probas como mensaxes que supostamente lle enviou o dirixente popular e gravacións.

A Fiscalía arquivou inicialmente esta denuncia, pero Teresa F.C. acudiu ao xulgado. Como resultado deste paso, a titular do Xulgado de instrución número 3 de Ourense acabou citando a ambos os implicados, Baltar e a denunciante, en calidade de investigados por un suposto delito de suborno.

O pasado mes de maio o Xulgado de Instrución nº3 de Ourense acordou o sobresemento provisional e o arquivo das actuacións contra o presidente da Deputación, Manuel Baltar Blanco, polos presuntos delitos de acoso sexual e suborno.

En relación ao suposto acoso sexual, a xuíza consideraba que non quedara acreditada a existencia de ningún tipo de relación de dependencia entre a denunciante e Baltar, un elemento que é imprescindible para acreditar o delito.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 otzx

Exemplo de como a fiscalía esta as ordes do seu amo....