Tags: #Teatro

O Centro Dramático Galego representa a Valle Inclán en Pontevedra

A actuación será mañá xoves 15 de xuño ás 20.30 horas. As entradas están dispoñibles na web Ataquilla.com

Por GC Tendencias | Pontevedra | 14/06/2017 | Actualizada ás 19:31

Comparte esta noticia

O Auditorio da Sede Afundación de Pontevedra (Augusto González Besada, 2) albergará mañá xoves 15 de xuño, a partir das 20.30 h, a representación de Martes de Carnaval. Trátase dunha produción teatral do Centro Dramático Galego escrita por Ramón María del Valle-Inclán que se interpretará por primeira vez en lingua galega baixo a dirección de Marta Pazos. O Teatro Afundación de Vigo tamén albergará unha representación desta produción o vindeiro 22 de xuño. As entradas están dispoñibles a través das vías de comercialización habituais da entidade, por exemplo na web Ataquilla.com.

O escritor Valle-Inclán
O escritor Valle-Inclán

A OBRA MARTES DE CARNAVAL PRODUCIDA POLO CENTRO DRAMÁTICO GALEGO

Un elenco conformado por 10 actores e actrices é o encargado de interpretar este texto de Valle-Inclán por primeira vez en galego. Iria Azevedo, César Cambeiro, Mercedes Castro, Anabell Gago, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero Madriñán, María Roja, Machi Salgado e Sergio Zearreta danlles vida aos máis de 30 personaxes que suman «As galas do defunto» e «A filla do capitán», as dúas pezas que conforman a obra.  

O primeiro destes esperpentos, «As galas do defunto», está ambientado na época na que discorre a historia da Daifa e Juanito Ventoleira, situada nunha cidade portuaria galega en 1898, en plena resaca da guerra de Cuba. Pola súa banda, «A filla do capitán» traslada ao momento actual a trama que Valle construíu a partir de dous acontecementos reais do seu tempo: o pronunciamento de Primo de Rivera en 1923 e o crime do Capitán Sánchez, famoso na prensa sensacionalista de 1913.

A montaxe de Marta Pazos desenvolve unha posta en escena limpa e consecuente co universo creado polo autor arousán, poñendo o traballo de todo o equipo ao servizo do diálogo cunha gran icona da literatura universal. Xunto co persoal técnico do CDG, implicouse neste proxecto un destacado cadro artístico con profesionais que veñen desenvolvendo as súas traxectorias teatrais en compañías de toda a península: Rut Balbís (movemento), Fernando Ribeiro (escenografía), Uxía Vaello (vestiario), José Álvaro Correia (iluminación), Hugo Torres (música e asesoría de dramaturxia), Esther Quintas Salgado (caracterización), Manuel Cortés (tradución), Rosa Moledo (asesoría lingüística), Ernesto Arias (traballo de palabra), Gena Baamonde (asistencia de dirección), José Faro Coti (asistencia de escenografía e iluminación), María Villas (asistencia de vestiario) e José Díaz (música e asistencia de produción).

Tags: #Teatro
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta