Reforma laboral e pensións

Por Carlos Vázquez Padín | | 16/06/2010

Comparte esta noticia

O consello de ministros aproba agora unha reforma laboral que ven imposta desde fora, como todas as decisións de gobernanza económica dun tempo a esta parte, dun goberno que ante o drama da sua incapacidade polo menos, e como mal menor, é un goberno títere de decisións tomadas no núcleo duro da UE. Tanto socialistas como conservadores son prisioneiros dunha tupida rede de intereses e privilexios que ten como resultado que España teña unha das maiores taxas de desemprego, arredor dun arrepiante 20%, e a maior taxa de temporalidade da OCDE, arredor do 30%.

Encontramonos perante un mercado laboral dual con privilexiados (empregados fixos) e parias (desempregados e temporais), os privilexios dos primeiros provocan a abundancia de parias laborais, como factor descompensatorio no mercado provocado pola lexislación laboral vixente. É escandalosa a hipocrisía do PSOE que como aliviadeiro á insoportable rixidez laboral creada pola sua defensa dos privilexios sindicais instaura as ETT na época de Felipe González. O PP pola sua parte carece de valentía, de responsabilidade, de ideas e de sentido de estado para dicir o que propoñen eles. O BNG di que o sistema actual é un sistema fracasado e perverso, seria interesante ver o sistema que propoñen eles, sera o dos Koljos e Soljos sovieticos?, con Gulags incluidos para os que se porten mal?

Na miña opinión a reforma laboral debe partir da implantación de contas de capitalización para o futurible salario dos desempregados e para a posible indemnización, esas contas de capitalización individuais serian financiadas maioritariamente pola empresa e nunha proporción moito menor polo traballador mes a mes. O traballador poderia vixilar mes a mes a evolución da sua conta e se ten a sorte de nunca chegar a estar desempregado, tería dereito a recuperar a contía que fique nela, incluindo os xuros correspondentes, cando se xubile, e a ter a garantia de que se falece antes da sua retirada ese fondo acumulado pasará aos seus herdeiros.

O obxectivo desexable é eliminar por completo o esforzo das empresas no despedimento garantindo ao mesmo tempo unha protección do traballador, e a fórmula que describo garante ao mesmo tempo os dous obxectivos, este sistema é coñecido como o sistema austriaco e non deben costealo de golpe as empresas, senón que procede das provisións que a empresa actual e as anteriores fixeron de forma continuada ao longo da vida laboral do traballador á sua conta individual. Desta forma pasaría a haber un só tipo de contrato, e as ETT’s desaparecerian non por unha prohibición ou regulación senón porque xa non aportarían nada no mercado. Este sistema aportaría aumentos significativos de produtividade ao eliminar a temporalidade, contribuiría a animar moito a contratación de traballadores diminuindo o desemprego e xerando un círculo virtuoso, de máis produtividade, menor desemprego e maiores salarios.

Creo tamén na conveniencia dun sistema de capitalización individual para as pensións, entre outras cousas, porque a pirámide demográfica do noso país vai levar antes ou despois á quebra do sistema de reparto actual, onde nos pagamos a xubilación dos nosos pais pero non temos os suficientes fillos para que eles paguen dentro de trinta anos a nosa, este sistema de capitalización poderia contar cun fondo de solidariedade que cotice por quen non pode facelo. Ademáis opino que habería que eliminar a idade de xubilación obrigatoria, e que esta decisión debería ser tomada individualmente polo traballador dentro dun abano amplo de idades, por exemplo entre os 55 e os 75.

Compre eliminar todo tipo de subsidios á contratación e destinar eses fondos á reducción das cargas sociais excesivas que pagan as empresas; convertir a negociación colectiva nunha opción voluntaria e non nunha obriga nen para os traballadores nen para as empresas, compre tamén acabar cos privilexios dos empregados públicos frente aos do sector privado e cos dos traballadores por conta allea frente ao traballador autónomo, e finalmente tamén é necesario acabar con toda forma de financiamento público dos sindicatos e das organizacións empresariais.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA