O Lugo queda sen técnico

O adestrador arousán Luis César Sampedro, que levou o equipo a súa mellor clasificación en Segunda, rexeita a oferta de renovación do club lucense malia terlle ofrecido unha mellora económica e apunta ao Valladolid.

Por gcdeportes | Lugo | 15/06/2017 | Actualizada ás 23:09

Comparte esta noticia

Semellaba que o CD Lugo tería continuidade no posto de adestrador a vindeira campaña, pero o arousán Luis César Sampedro rexeitou a oferta de renovación do club e non seguirá no banco lucense. Para tentar retelo, o consello de administración mellorou a oferta económica, pero Luis César non mudou de parecer. O arousán podería ter unha oferta máis apetecible do Valladolid.

Luis César, no último partido co CD Lugo en Alcorcón.
Luis César, no último partido co CD Lugo en Alcorcón. | Fonte: lfp.es

De xeito sorprendente (o presidente Tino Saqués chegou a dicir que a renovación estaba “prácticamente feita”), o club emitiu un comunicado no que anunciaba a marcha de Luis César: "Unha vez concluída a tempada, o Consello de Administración decidiu dar continuidade o seu contrato propoñéndolle incluso, unha mellora das contraprestacións económicas inicialmente pactadas. Finalmente, o técnico declinou a mesma, solicitando a baixa voluntaria á Dirección Deportiva, feito trasladado inmediatamente ao Consello de Administración, quen aceptou de xeito unánime, dando por rematada a súa etapa á fronte do equipo”.

O CD Lugo de Luis César Sampedro (Vilagarcía, 3 de maio de 1966) pechou o curso coa mellor posición (noveno) na historia do club en Segunda División, aínda que, con 55 puntos, non puido acadar o récord histórico de puntos (56 na 2012-13 con Quique Setién). Tras unha primeira volta espectacular (5º con 31 puntos), os de Luis César baixaron as súas prestacións na segunda, na que sumaron tan só 24 puntos.

Agora, o consello de administración busca adestrador para a que será a sexta campaña consecutiva en Segunda. Será o cuarto técnico da curta etapa de Tino Saqués, tras Luís Milla e Xosé Durán (2015-16) e Luis César Sampedro (2016-17).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta