Triunfo galego en Portugal

O cambadés Ángel Sánchez, do W52-FC Porto, impónse no Sabugal na segunda etapa do Grande Prémio Abimota tras aventaxar en tres segundos na liña de meta ao seu compañeiro de escapada.

Por gcdeportes | Compostela | 17/06/2017 | Actualizada ás 09:37

Comparte esta noticia

O cambadés Ángel Sánchez (W52-FC Porto) acadou a vitoria na segunda etapa do Grande Prémio Abimota tras meterse na escapada do día e impoñerse na liña de meta a Henrique Casimiro (Efapel). Ademáis, o ciclista galego asume o mando da clasificación das metas volantes.

A segunda etapa da 38ª edición do Grande Prémio Abimota tiña 144,5 quilómetros entre Penamacor e o Sabugal, con só un porto de montaña. Na escapada boa, cinco corredores, entre eles Ángel Sánchez. A falta de 25 quilómetros, Ángel Sánchez, xunto con Henrique Casimiro (Efapel), deixaron atrás os compañeiros de fuga para xogarse entre os dous a vitoria de etapa.

O cambadés triunfou na liña de meta cun tempo de 3h:36:10 (unha media de 40,108 kms/h) e con 3 segundos de vantaxe sobre Casimiro, co pelotón case enriba dos dous escapados a tan só 7 segundos. Na clasificación xeral, Ángel Sánchez é noveno a 2,22 do líder, o español Vicente García de Mateos (Louletano-Hospital de Loulé).

Ángel Sánchez, vencedor da segunda etapa do GP Abimota.
Ángel Sánchez, vencedor da segunda etapa do GP Abimota. | Fonte: Joao Fonseca (fpciclismo.pt)

"Foi unha etapa moi dura, que sabiamos que seria difícil de controlar, cun terreo complicado e moita calor. A miña presenza na fuga buscaba a vitoria de etapa e estou feliz por ter alcanzado o obxectivo. Temos na equipa varios corredores que poderían gañar a etapa mais, desta vez, tocoume a min", apuntou Angel Sánchez na web de fpciclismo.pt.

O cambadés Ángel Sánchez Rebollido, con tan só 24 anos (12 de abril de 1993), disputa xa a súa terceira campaña nas filas do W52-FC Porto, xunto cos tamén galegos Gustavo César Veloso e Jacobo Ucha, presente no GP Abimota. A pasada campaña, Sánchez Rebollido acadou a súa primeira vitoria como profesional tras impoñerse no Memorial Bruno Neves.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta