Prata para Susana Rodríguez

A viguesa acada a segunda praza do podio no Europeo de paratríatlon en Kitzbühel. Iria Rodríguez, 22ª en categoría júnior. Este sábado, turno para Uxío Abuín e Antonio Serrat en categoría elite.

Por gcdeportes | Vigo | 17/06/2017 | Actualizada ás 09:54

Comparte esta noticia

Primeira xornada do Europeo de Tríatlon de Kitzbühel e primeira medalla para Galicia. A paratriatleta Susana Rodríguez Gacio (Mar de Vigo) acadou a medalla de prata na categoría PTVI (deportistas con discapacidade visual). Ademais, Iria Rodríguez (Atletismo Porriño) rematou na 22ª posición en categoría júnior.

Susana Rodríguez e a súa guía Mabel Gallardo, no podio de Kitzbühel.
Susana Rodríguez e a súa guía Mabel Gallardo, no podio de Kitzbühel. | Fonte: @FEGATRIPM

A xornada comezou coa proba de paratríatlon, que se desenvolveu con moita choiva, o que dificultou o percorrer dos deportistas, fundamentalmente na bicicleta. Susana Rodríguez, xunto a Mabel Gallardo, fixo unha boa natación, e comezou a bicicleta na loita pola segunda posición.
Por diante, a británica Alison Patrick, que ademais aumentou a distancia sobre a bici. No segmento ciclista, Susana e Mabel non se atoparon demasiado ben, feito que aproveitou Melissa Reid para ocupar unha cómoda segunda posición, mentres que Susana era terceira. Pero na última volta do ciclismo, Alison sufriu unha picada que lle fixo perder moito tempo e posicións, ao ter que chegar a T-2 coa roda sen aire. Este feito foi aproveitado por Melissa para poñerse líder e lograr o título de campioa de Europa cun tempo de 1h:12:44, mentres que segunda foi a viguesa Susana Rodríguez Gacio (1h:14:29). Finalmente, o bronce foi para a alemá Lena Dieter (1h:16:36).

A primeira hora da tarde celebrouse a proba júnior feminina, coa participación da galega Iria Rodríguez, que chegaba ao Europeo arrastrando molestias nun pé. A galega estivo ben colocada na natación, ao saír entre as vinte primeiras e con opcións de meterse no primeiro grupo da bicicleta. Pero a transición e os primeiros metros do ciclismo foron decisivos e prexudiciais para Iria, que perder as súas opcións. Nese intre rompeuse a carreira en pequenos grupos que despois se xuntaron no principal formado por 18 triatletas, pero Iria quedou no segundo grupo. Así chegou a T-2 a case dous minutos da cabeza, e aínda que fixo un bo parcial na carreira a pé (malia ás molestias), xa non tiña opción algunha de alcanzar os postos dianteiros. Finalmente, Iria Rodríguez foi 22ª cun tempo de 1h:02:07, mentres que a segunda española, Lucía Salafranca quedou por detrás, 31ª, cun tempo de 1h:03:12.

A proba elite masculina celebrarase hoxe (16:00 horas) sobre a distancia olímpica (1.500 metros de natación, 39,2 quilómetros de bicicleta e 10 kms de carreira a pé). Entre os inscritos, Fernando Alarza (castelán que adestra no CGTD de Pontevedra e con licenza galega), actual líder do Mundial ITU. Xunto a el, os galegos Uxío Abuín e Antonio Serrat. Xa o domingo, disputaranse as probas de relevos (elite e júnior).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta