Primeira fichaxe obradoirista

O Obra anuncia a chegada do ala letón Martins Laksa, 26 anos e 2,00 metros, para as tres vindeiras campañas. O equipo compostelán conta xa con seis xogadores: Corbacho, Bendzius, Laksa, Llovet, Pechacek e Pustovyi.

Por gcdeportes | Compostela | 17/06/2017 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

De Letonia procede a primeira fichaxe obradoirista para a vindeira campaña. Martins Laksa, ala anotador de 2,00 metros procedente do BK Valmiera e a piques de cumprir os 27 anos (26 de xuño), terá no Obradoiro a súa primeira experiencia fóra do seu país. Co xogador báltico xa son seis os nomes do Obra 2017-18: os aleiros Alberto Corbacho, Eimantas Bendzius e Martins Laksa e os interiores Nacho Llovet, Artem Pustovyi e Adam Pechacek.

Martins Laksa, coa camisola do BK Valmiera letón.
Martins Laksa, coa camisola do BK Valmiera letón. | Fonte: LETA

“Con Martins incorporamos principalmente a un bo tirador, con capacidade para xogar con calquera dos dous xogadores que temos actualmente no perímetro [Corbacho e Bendzius]”, apunta José Luis Mateo, director xeral do club, quen cre que o salto a unha liga de primeiro nivel europeo lle chega a Laksa no mellor momento: “O desafío de saír do seu país directamente á ACB chégalle no momento adecuado da súa carreira e, ademáis, a nosa forma de xogar lle favorece especialmente, polo que estamos convencidos de que axudará o equipo”.

Co BK Valmiera, Martins Laksa foi campión da Copa 2017 e campión de Liga no 2016. Con excelentes porcentaxes no tiro exterior, promediou 13,1 puntos (48.8% en T2, 43.5% en T3 e 88.5% en tiros libres) e 4,3 rebotes en case 30 minutos de xogo e nos 36 partidos que disputou a pasada campaña na Liga letona. Na Baltic League, 14,2 puntos e 4,1 rebotes.

Antes de xogar no BK Valmiera (2015-17), Martins Laksa pasou polo Jurmalas (2014-15), Ventpils (2011-2014, campión de Liga no 2014 e da Baltic League no 2013) e VEF Riga (2009-2011, campión de Liga no 2011). Con tan só 19 anos, en agosto do 2009, o novo xogador do Obradoiro estivo a proba no Bilbao Basket. Internacional absoluto e nas categorías inferiores (U20, U18 e U16) con Letonia, Laksa será o segundo xogador letón na historia do Obradoiro, tralo paso de Kaspars Berzins por Compostela no curso 2013-14.

O ala letón Martins Laksa, primeira fichaxe do Obra 2017-18
O ala letón Martins Laksa, primeira fichaxe do Obra 2017-18 | Fonte: LETA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta