Miguel-Anxo Murado e María Varela, gañadores dos Premios Julio Camba e Fernández del Riego

Os xornalistas Miguel-Anxo Murado e María Varela son os gañadores dos Premios Julio Camba e Fernández del Riego, respectivamente, segundo deu a coñecer este luns o xurado na sede de AFundación de Pontevedra.

PONTEVEDRA | 19/06/2017 | Actualizada ás 17:00 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Os xornalistas Miguel-Anxo Murado e María Varela son os gañadores dos Premios Julio Camba e Fernández del Riego, respectivamente, segundo deu a coñecer este luns o xurado na sede de AFundación de Pontevedra.

O escritor, xornalista e guionista lucense Miguel-Anxo Murado obtivo o premio Julio Camba deste ano polo seu artigo 'El cedazo de los días', publicado na contraportada de 'La Voz de Galicia' o 31 de decembro de 2016, o día en que se pechaba o prazo para poder concorrer a estes premios.

Pola súa banda, a xornalista do 'Diario de Pontevedra', María Varela, fíxose co galardón Fernández del Riego a artigos escritos en lingua galega por 'Cóxegas e tortas', publicado polo xornal no que traballa o 29 de abril do pasado ano.

O xurado composto polo escritor Alfredo Conde; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle; o director cultural de El Corte Inglés, Ramón Pernas; e o xerente de Afundación, Pedro Otero, destacou o aumento na participación no Julio Camba, con 153 artigos presentados, corenta máis que en 2016.

Nesta edición recibíronse numerosos textos de países situados na outra parte do Atlántico, sobre todo colombianos e venezolanos, ademais dun cubano, segundo apuntaba o xurado. Ademais, destacou que só se presentaron 17 artigos ao Fernández del Riego e dez deles eran obituarios, catro dedicados ao escritor falecido en xullo do pasado ano, Agustín Fernández Paz.

XURADO

O presidente do xurado, Alfredo Conde, lembrou que Murado xa gañou o Fernández del Riego no 2005. Ademais, destacou que, nesta ocasión, foi merecedor do Julio Camba porque "presenta un artigo de altura" no que relaciona un relato do escritor Jorge Luís Borges co Chapo Guzmán.

Así mesmo, entre os textos escritos en galego, Conde incidiu no traballo de María Varela porque se trata dun artigo "que empuxa en lugar de frear á xente", ademais de sinalar que lle lembraba a Manuel Jabois cando recibiu o premio Julio Camba en 2003 indicando que este traballo se atopa cheo de esperanza.

A xornalista relata no escrito a súa experiencia cos fillos e como absorben todo o que lles rodea. Cada un dos premios está dotado con 6.000 euros.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta