Temas: TRANSPORTE

60% das liñas de bus, afectadas este martes pola folga

A Xunta provocou malestar ao modificar a convocatoria prevista para negociar o plan e citar a patronal e sindicatos por separado. Trátase dun paro sen precedentes en Galicia.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/06/2017 | Actualizada ás 21:57

Comparte esta noticia

Seis de cada 10 liñas regulares de autobús en Galicia estarán afectadas este martes na primeira xornada da folga convocada polos sindicatos contra o bloqueo dos convenios colectivos e en rexeitamento do plan de viaxeiros da Xunta, que prevé integrar servizos escolares nas rutas convencionais.

Un autobús de Aucorsa
Un autobús de Aucorsa | Fonte: Europa Press

Non hai antecedentes dunha folga do sector do transporte de viaxeiros por estrada destas características en toda a comunidade galega, aínda que si se produciu un día de paro en 2002. Os sindicatos auguran, ademais, que "isto vai ir a máis", debido á actitude do Goberno galego.

E é que, tras unha primeira toma de contacto o venres, a Consellería de Infraestruturas citou a organizacións sindicais e patronal (catro federacións) a unha reunión este luns. Nela prevíase unha negociación 'in extremis' que, segundo as partes, aínda con dificultades, podería traducirse na desconvocatoria do paro.

Con todo, o sábado, e "unilateralmente", segundo denuncian tanto os representantes dos traballadores como os empresarios, o departamento que dirixe Ethel Vázquez decidiu cambiar o formato do encontro, e citou aos sindicatos por unha banda, á mañá, e á patronal por outra, pola tarde. Ambos deron plantón á conselleira, molestos co inesperado cambio.

Pola súa banda, Infraestruturas, que pretendía abordar coas centrais as súas dúbidas sobre o futuro do emprego co novo plan e as alternativas ao documento coas federacións, emitiu un comunicado para afirmar que mantén a súa oferta de "diálogo e negociación". Tamén instou os sindicatos a reconsiderar a folga pola súa afección a traballadores e excursións escolares na última semana do curso.

Lonxe disto, UXT, CC.OO. e CIG, noutra nota de prensa, conxunta, acusaron á Xunta de "abocar" á "paralización" do sector de transporte de viaxeiros por autobús ao "dinamitar" a opción de suspender a folga na reunión, tal e como estaba inicialmente pensada, a tres bandas.

AGRAVAMENTO DO CONFLITO

Así as cousas, os servizos mínimos para as xornadas de paro de autobuses que Galicia afrontará este martes e este mércores --e así sucesivamente as próximas semanas se non hai solución-- alcanzan o 40% para as liñas regulares e chegan ata o 100% para o transporte escolar, segundo recolle a orde que publicou este luns o Diario Oficial de Galicia (DOG).

O conflito que se agravou nas últimas horas responde á oposición de patronal e organizacións sindicais ao modelo que aspira a implantar o Goberno galego, de integración do transporte escolar nas liñas regulares de pasaxeiros, posto que aseguran que destruirá negocio e emprego.

Dun lado, as centrais sindicais auguran a desaparición de ata un milleiro de traballadores, dun persoal que en total rolda as 7.000 persoas.

As empresas esgrimen que as pequenas compañías, as que abastecen o rural, quedarán sen ata un 70% da súa carga de traballo co novo deseño.

Tamén a Confederación Galega de ANPAs de centros públicos expresou o seu rexeitamento ao proxecto de Infraestruturas, "por converter o transporte escolar en transporte de viaxeiros con reserva de praza".

Pola súa banda, a Xunta defende o seu anteproxecto "como alternativa para garantir que a partir de agosto haberá servizos despois das renuncias das empresas a seguir prestando máis de 500 liñas".

En marzo de 2016, o Tribunal Supremo anulou a prórroga das concesións de autobuses de liña regular que o Executivo autonómico impulsou en 2009.

Agora que debe volver adxudicar a maior parte das concesións, a administración autonómica pretende tamén reestruturar boa parte das liñas.

SERVIZOS MÍNIMOS

A orde de servizos mínimos recolle que se manterán "como esenciais os servizos de entrada aos centros desde as 7,30 ata as 10,30 horas e os de saída desde as 13,30 ás 19,00 horas nos itinerarios de transporte escolar de estudantes de niveis de ensino obrigatorio, cuxa lonxitude total sexa superior a 4 quilómetros".

Ademais, para os servizos de transporte a alumnado de centros de educación especial considera "esenciais" todos os itinerarios existentes nos horarios habituais.

En canto aos servizos regulares de uso especial para transporte de traballadores, a orde establece como mínimos "todos os servizos nas expedicións anteriores ás 9,00 horas e posteriores ás 18,00 horas" co fin de garantir o acceso e a saída dos postos de traballo "naqueles servizos de carácter interurbano en que a ausencia dunha previsión mínima crebaría toda posibilidade de acceso ao traballo".

PIQUETES ESTE MARTES

Entre os actos xa anunciados polos sindicatos para este martes, en Santiago, os piquetes informativos conformados polo tres centrais reuniranse a partir das 6,30 horas nas instalacións de Tralusa para posteriormente concentrarse, a partir das 7,00 horas, na estación de autobuses. Tamén se desprazarán ás principais paradas da cidade.

Tamén en Lugo, UXT, CC.OO. e CIG convocaron a un encontro que arrincará ás 8,30 horas na estación de autobuses da cidade da Muralla.

Temas: TRANSPORTE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta