Diego Ríos, co Parrulo na elite

O técnico lucense, de 33 anos, dirixirá o equipo ferrolán no seu regreso catorce anos despois á máxima categoría da LNFS e cumplirá a cuarta tempada consecutiva no club.

Por gcdeportes | Ferrol | 20/06/2017 | Actualizada ás 08:18

Comparte esta noticia

Como non podía ser doutro xeito, Diego Ríos Gayoso seguirá liderando o proxecto deportivo do Parrulo Ferrol na campaña 2017-2018, a do regreso catorce anos despois á máxima categoría da LNFS. Será a cuarta tempada de Diego Ríos no Parrulo Ferrol, a do regreso do equipo ferrolán a Primeira, pero asemade a do regreso do técnico lucense a unha categoría que coñece ben ao estar durante tres tempadas nela no Prone Lugo (2011-2014), xa con 27 anos. Así pois, será tamén a cuarta campaña do técnico lucense na máxima categoría.

O club ferrolán rescatou a Diego Ríos (Lugo, 13-3-1984) para o futsal profesional (“xa non me chamaban nin para partidos de casados contra solteiros”, chegou a dicir como agradecemento a O Parrulo). En tres campañas en Ferrol, o palmarés de Diego Ríos é espectacular: unha Copa Xunta, unha Copa Deputación eo ascenso á Primeira División da LNFS, co mérito engadido de acadalo sendo sétimo na Liga regular e eliminando a equipos que partían como claros favoritos no play-off como UMA Antequera e Elxe CF.

O lucense Diego Ríos ascendeu co Parrulo e cumplirá a cuarta tempada en Ferrol.
O lucense Diego Ríos ascendeu co Parrulo e cumplirá a cuarta tempada en Ferrol. | Fonte: @oparrulofs

“Gracias á directiva por volver apostar por min. Un novo reto volver a Primeira. Queda moito traballo por diante. Necesitamos o máximo apoio”, agradeceu Diego Ríos no seu twitter o anuncio da renovación.

A pasada campaña, Diego Ríos Gayoso tamén tivo o recoñecemento dos seus compañeiros de profesión, ao ser distinguido co Premio de Mejor Entrenador da Segunda División nos Premios ANEFS (Asociación Nacional de Entrenadores de fútbol sala), que se entregarán o vindeiro 1 de xullo en Sevilla.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta