Pontevedra, dous anos máis apoiando a Gómez Noya

O pentacampión mundial galego de tríatlon seguirá contando co patrocininio do concello do Lérez, que lle aportará 24.100 euros anuais a cambio de usar a súa imaxe para promoción turística.

Por gcdeportes | Pontevedra | 20/06/2017 | Actualizada ás 08:34

Comparte esta noticia

O Concello de Pontevedra seguirá sendo patrocinador de Javier Gómez Noya durante os dous próximos anos "e unha posible prórroga dun ano máis". Así o acordou este luns a Xunta de Goberno Local, aprobando o novo convenio de patrocinio co pentacampión mundial de tríatlon, similar ao asinado en setembro do 2014.

Gómez Noya e Fernández Lores, na sinatura do anterior acordo no 2014.
Gómez Noya e Fernández Lores, na sinatura do anterior acordo no 2014. | Fonte: Mónica Patxot (pontevedraviva.com)

En virtude deste acordo, Gómez Noya, de 34 anos, recibirá unha aportación económica de 24.100 euros anuais cos que, entre outros asuntos, poderá manter o staff técnico que lle axuda na súa preparación persoal. O pentacampión galego, aínda que nado en Basilea e criado en Ferrol, leva anos afincado en Pontevedra.

Pola súa banda, o Concello beneficiarase do convenio "na medida que esta persoa leva o nome de Pontevedra polo mundo adiante" e mediante outras contraprestacións non detalladas en profundidade pero que no anterior acordo eran, por exemplo, poder utilizar a imaxe do triatleta promocionalmente a nivel deportivo ou turístico.

"Nin que decir ten que Javi Gómez Noya é o deportista máis laureado no tríatlon do mundo mundial e é unha persoa cunha forte vincluación con Pontevedra. É un pontevedrés máis e entendemos que un patrocinio destes é ventaxoso”, explicou o voceiro municipal.

Javier Gómez Noya, actualmente terceiro na clasificación das Series Mundiais tralo noveno posto en Yokohama (minguado pola infección nunha moa) e tras renunciar a proba de Leeds, adestra estes días en Pontevedra, onde prepara xa a vindeira proba do Mundial: Hamburgo o 15-16 de xullo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta