España deixa fóra a Vero

A galega Vero Boquete, única futbolista española cun título da Champions, queda fóra da lista de 23 xogadoras do seleccionador Jorge Vilda para a vindeira Eurocopa de Holanda, onde si estará a dianteira arousana Mari Paz Vilas. "Se non se reciben explicacións, aínda doe máis", afirma a compostelá.

Por gcdeportes | Compostela | 20/06/2017 | Actualizada ás 14:32

Comparte esta noticia

A mellor xogadora española, a gran referencia do fútbol feminino nos últimos tempos, a única cun título da Champions. De xeito sorprendente, o seleccionador español Jorge Vilda deixou fóra da lista de 23 xogadoras para a vindeira Eurocopa de Holanda a compostelá Vero Boquete, actualmente nas filas do PSG francés, co que disputou a final da Champions hai tan só vinte días (caeu nos penaltis ante o Lyon).

Vero Boquete tenta controlar o balón ante o Lyon.
Vero Boquete tenta controlar o balón ante o Lyon. | Fonte: @UWCL

Durante a súa comparecencia para anunciar a convocatoria, Vilda xustificou a ausencia da xogadora galega, ata o de agora líder indiscutíbel do combinado español, polo “gran nivel amosado polas demáis xogadoras”. E engadiu: “Pensamos que son as máis adecuadas polo rendemento e o nivel amosado”. Vero Boquete, que no pasado liderou as protestas contra o anterior seleccionador pola súa falla de profesionalidade, xa quedara fóra da lista de España nas dúas últimas convocatorias de Jorge Vilda.

A xogadora galega deixou pasar unhas horas de reflexión antes de dar a súa versión vía Twitter. Vero recoñeceu que xa o esperaba, pero que aínda así lle doe quedar fóra da Eurocopa: "Non por agardada, a nova é menos dura. Perderse unha Eurocopa doe, e se non se reciben razóns nin explicacións de ningún tipo, aínda doe máis. Pero vou tomar isto coa mesma humildade coa que aceptei a miña primeira convocatoria hai xa 14 anos".

Semella polas súas verbas que a compostelá, cos 30 anos cumpridos en abril, dá por rematada a súa etapa na selección española: "É evidente que me gustaría ter outro final, pero non pola miña historia ou o meu pasado, senón polo meu rendemento presente e o meu mérito deportivo". Vero Boquete está tranquila pois "o meu esforzo e compromiso foron e seguirán sendo absolutos e innegociábeis". E remata o seu comunicado desexando o maior dos éxitos ás súas compañeiras na Eurocopa de Holanda: "Animareinas e empuxarei na distancia coa mesma enerxía e entrega que se estivese alí, iso seguro".

A que si estará en Holanda, do 16 de xullo ao 6 de agosto, é a dianteira arousana do Valencia Mari Paz Vilas, que xa estivera na última convocatoria para o amigable contra Brasil e unha habitual esta campaña con Vilda. Mari Paz, que aínda non anunciou onde xogará a vindeira campaña, foi a terceira máxima goleadora da Liga con 28 goles para o Valencia.

Vero Boquete fai o xesto do polbo tras marcar o gol.
Vero Boquete fai o xesto do polbo tras marcar o gol. | Fonte: @futgal

España, no grupo D, estrearase na Eurocopa o vindeiro 19 de xullo contra Portugal, e xogará despois contra Inglaterra (día 23) e Escocia (día 27). Os dous primeiros equipos clasificaranse para os cuartos de final. A lista está composta por: Alexia Putellas, Jenni Hermoso, Olga García, Bárbara Latorre, Sandra Paños, Marta Torrejón, Leila Ouahabi, Vicky Losada e Mariona Caldentey (FC Barcelona); Marta Corredera, Lola Gallardo, Andrea Pereira, Mapi León, Alexandra López, Silvia Meseguer, Amanda Sampedro e Esther González (Atlético de Madrid); Mari Paz Vilas e Paula Nicart (Valencia); Mariasun Quiñones (Real Sociedade); Irene Paredes (PSG); Celia Jiménez (Alabama Crimson Tide); e Virginia Torrecilla (Montpellier). Destaca, ademáis da ausencia de Vero Boquete, a de Sonia Bermúdez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta