Apenas un dato

Fai xa tempo, finais dos setenta ou principios dos oitenta, con 15 ou 16 anos, tiven a idea de escribirlle ás embaixadas dos países comunistas para pedirlle información sobre os grandes avances que aqueles países acadaran a prol da clase obreira, e así encherme de argumentos para rebater a quen ousara poñer en cuestión o que eu pensaba daquela que eran os modelos de sociedade á que debiamos aspirar.

Por Emilio Martinez | Lugo | 22/06/2017

Comparte esta noticia
Pasaron semanas, e cando xa case me tiña esquecido do tema un día ao chegar á casa agardaba por min un sobre cunha chea de folletos e libriños, o primeiros dos tres sobres que chegaron, creo recordar que da embaixada húngara, da checoslovaca e, sen ter agora a certeza, da rumana. 
 
Pasei días mergullado naqueles folletos, nos que un quedaba abrumado polos datos das fabulosas colleitas dos feraces campos socialistas, as cifras sobre os altos niveis educativos dunha poboación agradecida aos preclaros líderes que a gobernaban por todo o que por eles facian, datos da loita contra a enfermidade, que parecía estar a punto de ser erradicada en todas as súas formas, exércitos que desfilaban sabéndose garantes da liberdade do seu pobo, que os aplaudía afervoadamente. Non me estendo, pero en resumo aqueles folletos e libriños farían a ledicia hoxe de Alberto Garzón, neles atoparía, sen dúbida, innumerábeis datos cos que ilustrar esa xira de conferencias que protagonizou para recordar a Revolución Rusa.
Estes recordos volveron a min ao atopar na rede un artigo publicado fai un par de anos sobre Venezuela, “Los logros de Hugo Chavez y la revolución bolivariana”, en sinpermiso. Como naqueles folletos editados polas embaixadas dos países socialistas o artigo facía un panexírico dos anos de goberno chavista, ofrecendo profusión de dados económicos sobre a redución da desigualdade, as políticas de diversificación económica, as políticas de asistencia social, a “devolución” ao pobo dos cuantiosos beneficios logrados por Petroleos de Venezuela… Unha combinación de datos, algúns certos, outros incertos e outros simples manipulacións ou errores de concepto de bulto, que pintaban unha Venezuela de persoas sorrintes seguindo o camiño marcado pola excelsa figura de Hugo Chavez.
 
Do que aconteceu nos países do bloco soviético todos deberíamos ser conscientes. Ao final aquelas sociedades e aquelas economías eran unha crúa versión, desgraciadamente real, de Matrix, onde nada é o que parece e toda verdade está oculta. Lonxe de crear o home novo que aventuraban os teóricos do socialismo o que se creou foi unha sociedade monstruosa, que dexenerou en racismo, xenofobia, autoritarismo, desigualdade extrema, fundamentalismo católico… Hungría, Polonia, Rumania, Eslovaquia, Servia, Rusia… 
 
Algúns dos datos positivos de Venezuela foron un simple espellismo creado por un uso “social” das rendas derivadas do petróleo… un uso das mesmas que semella en moito ao reparto da “sopa boba” que realizaban os mosteiros e conventos católicos xa na Idade Media para gañarse as vontades e apaciguar aos pobres. Nada durante os anos de bonaza de políticas reais de cambio, nin no marco capitalista nin na construción dun sistema alternativo. Políticas sen percorrido, pan para hoxe, fame para mañán… 
 
E hai un dato que para min é extremadamente ilustrativo da mentira global do réxime chavista nos seus 18 anos de goberno. Un só dato que pon en cuestión todo o discurso dos que desde esta beira defenden os supostos logros acadados. 
 
Nas estatísticas aparece como “Homicidios intencionados”. O dato dáse normalmente polo número de homicidios por cada 100.000 habitantes… No caso do Estado Español o número varía moi pouco nos últimos anos, 0,7 ou 0,8 homicidios por cada 100.000 habitantes. Somos un país seguro, cando menos comparado con moitos outros. Nos mesmos números que países da nosa contorna como Alemaña, Italia, Suecia ou mais seguro que países que podemos ter como modelos: Canada, con cifras arredor de 1,4, ou Finlandia, que acada 1,6. Lonxe de Islandia, no que a taxa de homicidios situase en 0,3 por cada 100.000 habitantes. No caso español esta seguridade ten mellorado dende o ano 2000, cando se rexistraban 1,4 homicidios por 100.000 habitantes. Somos un estado moito mais seguro que por exemplo Estados Unidos, nos que as cifras cuadriplican ou quintuplican ás españolas. Cando un vive, ou pasa temporadas, en países nos que a violencia é endémica, e refírome á violencia da delincuencia, non a situacións de guerra, aprende a apreciar o valor da “seguridade”, de todo o que significa, de todo o que implica, a súa falta, para a vida diaria, no persoal, no social, no profesional. 
 
E Venezuela?, que ten acontecido nesa república abenzoada por Deus concedéndolle longos anos de goberno bolivarista?. Desde logo non partía dunha situación nada favorable, segundo as estatísticas internacionais no ano 2000 o número de homicidios foi de 8.022, nada mais e nada menos que 32,8 homicidios por cada 100.000 habitantes, o que si o trasladaramos ao noso entorno na altura significaría que nunha cidade como Vigo, daquela cuns 290.000 habitantes, terían andado por 2 homicidios cada semana!!!.  Sería doado argumentar que ese elevado nivel de violencia criminal era froito das tremendas desigualdades que campaban as súas anchas en Venezuela, sería de agardar que as políticas sociais emprendidas polo goberno venezolano dera nalgún momento froitos, e esas elevadas taxas foran descendendo. A realidade é tozuda. No ano 2007 a taxa de homicidios elevábase a 47,5 por cada 100.000 habitantes e pasados 16 anos ininterrompidos de políticas “a favor do pobo” a taxa elevábase, segundo diversas fontes, a entre 70 e 91,8 homicidios por cada 100.000 habitantes, entre 21 e 28 mil mortos, unha boa parte a mans de efectivos policiais. E a inmensa maioría dos casos quedan sen resolver. Volvendo ao exemplo de que pasaría si esa taxa se aplicara a Vigo, estaríamos falando de, mais ou menos, dous homicidios cada tres días.
 
En fin, que cada un engánase como quere. A min tanto obreiro sorrinte como había naqueles folletos fartoume pronto, outros aínda pensa que o ceo existiu e se chamaba Albania, e calquera día Eva Solla sorpréndenos cunha camisola de homenaxe a Enver Hoxha. Pensar hoxe que Venezuela, o exercicio do poder polo chavismo nese país, é exemplo de algo é simplemente non ter interese algún en coñecer a realidade. A incapacidade de Podemos e de Izquierda Unida, e dunha parte das Mareas, para condear con firmeza a represión en Venezuela e unha mostra, outra, da cativeza da patina democrática coa que están pintados.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.