En Marea e BNG critican a Feijóo por permitir que se regale a banca galega

O presidente da Xunta di que xa fixo xestións para que o Santander manteña a marca Pastor e que se “investigue” a compra. Avanza que no segundo semestre do ano atenderase a 3.000 dependentes máis, pero Leiceaga pídelle que "abra" as residencias finalizadas e un plan a medio prazo para sumar 2.000 prazas novas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/06/2017 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quere agora converterse nun dos principais defensores da “galeguidade” do Banco Pastor. Unha defensa que se produce logo de que esta entidade fora mercada por 1 euro polo Banco Santander e cando xa este banco dixo que non ía manter a marca, e tamén ante fortes críticas da oposición que o acusan de permitir regalar "a prezo de saldo" toda a banca galega.

Luis Villares e Ana Pontón.
Luis Villares e Ana Pontón.

O líder do PPdeG revelou na sesión de control ao Goberno na Cámara que, "72 horas" despois de que se ratificase esa compra remitiu un escrito á presidenta da segunda entidade, Ana Patricia Botín, con varias peticións, entre elas a de "manter a marca do Banco Pastor", que a banqueira se comprometeu a "estudar".

"Dime que vai estudar todas e cada unha das consideracións do presidente da Xunta e chamoume para reiteralo", remarcou Feijóo, quen, ademais de manter a marca do Pastor, por entender que beneficiaría aos traballadores da entidade e contribuiría a preservar o emprego, tamén trasladou ao Santander a necesidade de "velar polos pequenos accionistas".

Así, segundo explicou, no escrito que enviou a Botín, Feijóo remarcou que os traballadores da entidade "non teñen ningunha responsabilidade" sobre o ocorrido e que "a moitos se lles obrigou a comprar accións do banco, polo que agora mesmo os seus postos de traballo corren perigo e teñen accións a valor cero". Tamén pediu que se faga "unha peza separada" para estudar "como se pode indemnizar aos accionistas que acudiron á última ampliación de capital".

Críticas da oposición

A sesión foi bronca, a pesar dos argumentos esgrimidos por Feijóo. Pontón e Villares cargaron con dureza contra o presidente afeándolle tamén o proceso das caixas de aforro galegas, ademais do ocorrido co Popular. Cun euro na man, que "ao común dos mortais non lle dá nin para un café", a dirixente nacionalista sinalou que esta moeda bastou a Botín para "meter na súa bolsa da compra" o Popular.

Alberto Núñez Feijóo no pleno do Parlamento de Galicia
Alberto Núñez Feijóo no pleno do Parlamento de Galicia

"A liquidación do Popular Pastor é o epitafio do sistema financeiro galego", proclamou o portavoz de En Marea, Luís Villares, quen definiu ao Santander como "o eucalipto" do sector financeiro na comunidade e denunciou o "espolio". "Por que non actuaron os mecanismos reguladores se podían suspender a cotización en bolsa? Por que a dirección do Popular non tomou medidas?", preguntouse.

Ao seu xuízo, calquera outro presidente autonómico estar a formular estas preguntas, pero "Feijóo é un presidente manso e mudo". Dito isto, manifestou a súa convicción de que "non se fixo nada" porque existía unha operación dirixida "a que o Santander quedase co Pastor". Villares, que tamén reivindicou que se manteña a marca do Pastor, sinalou que Santander "explota a banca como a Xunta explota o monte, de costas ao país" e alertou do "drama do emprego", á vez que insistiu en saber "quen recibiu do chivatazo" do que ía ocorrer co Popular.

Pola súa banda, Pontón incidiu na duplicidade de oficinas e os empregos en xogo, e acusou a Feijóo de ratificar "a desaparición do sistema financeiro galego". "Onde estaba vostede mentres se puña en marcha a liquidación do Pastor? Nos biosbardos? Vostede sabía que se ía a producir a venda por un euro? Fixo algo ou volveu ser cómplice?", preguntouse.

Ao tempo, Pontón apelou a facer "unha fronte común" no Parlamento para que se manteña a marca do Banco Pastor, se garanta o emprego e a rede de oficinas no rural. E é que, aínda que celebrou que Feijóo tamén apoie este extremo, advertiu de que "unha conversación que non se plasma en compromisos concretos ten o mesmo valor que as que se marca Rajoy con Trump".

Prazas en residencias

Por outra banda, o presidente da Xunta avanzou que no segundo semestre deste ano atenderase a 3.000 dependentes máis, á vez que reiterou os compromisos de alcanzar os 60.000 dependentes atendidos cando finalice esta lexislatura e construír sete residencias nas cidades, onde hai unha maior lista de espera, ata sumar 900 prazas.

Fronte ás críticas do portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, quen alertou dos "elevados" tempo de esperas para entrar nas residencias de maiores e esixiu, entre outros puntos, a dotación de máis prazas para alcanzar "a media do Estado", Feijóo reivindicou a súa xestión.

"Hai máis dun 30 por cento máis de prazas que cando gobernaban vostedes, seis veces máis de atención no fogar e o triplo de dependentes atendidos, de 14.000 a 48.775", enumerou o xefe do Executivo, quen avanzou que no segundo semestre do ano incrementarase o número de dependentes atendidos con outros 3.000.

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG advertiu que "os hospitais buscan fogar a persoas que non poden volver a casa" e incidiu en que "para igualar a media española" de prazas sostidas con fondos públicos farían falta máis de 3.700.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 21 comentarios

1 PP-ODREIROS!!!!

O PODREIROS ESTA GOBERNANDO EXPAÑA A TRAVES DO PARTIDO POPULETA!!!! - señores, farsantes, cando foi non saiu o -Vieiras a denunciar a banca (o suposto economista autor de libros, relatorio de datos como a retraso autonemico da Galicia) saiu a ferrolita un.ha autentica ignorantona e trapalleira, anque da única economía que sabe e de facerse rica rindose dos galegos!!!! - MIREN O AUTOBUS DE PODREIROS ROJO POR FUERA PERO AZUL POR DENTRO - https://www.youtube.com/watch?v=kiK...