Temas: SAN XOáN ADEGA

Consellos para celebrar un San Xoán ecolóxico e sen incidentes

Evitar facer cacharelas en praias, dunas, fragas ou lugares arborados, sinalizar as fogueiras, dispoñer de protocolos e persoal ou reducir o volume de refugallos son algúns dos consellos de Adega.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/06/2017 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Concellos e entidades comezan xa a dar consellos para que a máxica noite de San Xoán se celebre sen incidentes, respetando o medio ambiente e de xeito ecolóxico. Así, ademais das medidas de seguridade que cada administración local ten para as cacharelas, coidando que a súa ubicación non xere riscos para as persoas e impactos no medio, hai que evitar xerar muito lixo e alterar o ambiente.

Cacharela na noite se San Xoán en Ézaro
Cacharela na noite se San Xoán en Ézaro | Fonte: quepasanacosta.com

Neste sentido, a organización ecoloxista Adega dá unha serie de consellos prácticos:

-Acotar os espazos das celebracións sobre todo nas proximidades de espazos naturais como fragas, bosques, ríos ou contornas históricas ou monumentais. Evitaremos riscos de lumes, danos á fauna e flora sensíbel, ao patrimonio, e accidentes ás persoas. 

-Evitar facer cacharelas en praias e dunas, especialmente en litorais protexidos ou de alto valor ecolóxico. “Tede en conta que mesmo nunha praia urbana, por moi humanizada que pareza, pode albergar unha rica biodiversidade, mesmo especies ameazadas ou en periodo de cría, como a píllara das dunas”, suliña.

-Ter previsto e sinalizado zonas de aparcamento e servizos hixiénicos, e se é posíbel, un posto de información permanentemente atendido. “Para evitar problemas coa volta a casa podes achegarte andando ou en bici á cacharela máis próxima, sen esquecer o chaleque reflectante”, engade.

-Dispoñer sempre de protocolos, materiais e persoal responsábel de velar polo bo desenvolvemento da festa e con capacidade para previr situacións de risco e facer fronte aos pequenos accidentes que sempre se producen: queimaduras, pequenos lumes, caídas, intoxicacións... 

-Para reducir o volume de refugallos xerados unha boa medida é usar recipientes (vasos, pratos) de barro ou louza, e garrafas de cristal retornábeis, que os clientes poden levar coa consumición pagando unha pequena fianza. Logo, ao retornalos, seralles devolta a fianza se non queren ficar con eles. “Tentaremos evitar, na medida do posíbel, o uso de vaixelas de usar e tirar, e de ter que facelo, que sexan preferibelmente de papel/cartón e non de plástico”, apunta.

-Debería haber suficientes contentores para a recollida selectiva dos refugallos, cando menos de orgánico, papel-cartón, vidro e envases lixeiros, e a recollida debería facerse logo de rematada a festa. Os refugallos estrados en carballeiras e praias durante días ou o lixo acumulado nos contentores sen recoller, degradan moitas paisaxes singulares e contaminan o ambiente.

Adega insiste en que evitar estes impactos depende de todos nós e lembra que senón coidamos o ambiente ao final estes materiais, sobre todo os plásticos, rematan no medio ambiente. “No mar, son unha das principais causas da contaminación mariña, e ao inxerilos os animais mariños, peixes ou aves causanlles a morte”, conclúe.

Temas: SAN XOáN ADEGA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta