Temas: POBOACIóN

Galicia rexistra o peor saldo vexetativo no Estado

O país segue perdendo poboación, con 12.683 mortes máis que nacementos. A esperanza de vida sitúase en 82,7 anos, lixeiramente por baixo da media estatal.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2017 | Actualizada ás 12:05

Comparte esta noticia

Galicia volveu rexistrar en 2016 unha diminución de poboación, ano no que presentou o peor saldo vexetativo —nacementos menos defuncións— por comunidades autónomas, con 12.683 mortes máis que alumeamentos, segundo os datos do 'Movemento Natural da Poboación' que publica este xoves o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Cemiterio
Cemiterio | Fonte: Europa Press

O número de nacementos diminuíu en todas as comunidades autónomas durante 2016 e os maiores descensos respecto de 2015 corresponderon a Castela e León (-4,3%), Aragón (-3,8%) e Comunitat Valenciana (-3,7%).

No caso de Galicia, persiste a caída dos nacementos, dos 19.427 en 2015 aos 19.049 rexistrados en 2016. Deste xeito, mantéñense as cifras como as rexistradas no ano 2000, cando houbo 19.418 alumeamentos. En 2005 contabilizáronse 21.097 e 22.047, en 2010.

A taxa de variación anual do número de nacementos en 2016 en Galicia foi do -1,9 por cento, mentres que a media estatal se situou en -2,8. Ademais, Galicia foi a terceira pola cola en canto ao índice de fecundidade, con 1,12 fillos por muller, fronte a media estatal de 1,33.

DEFUNCIÓNS

Segundo os datos do INE, o número de defuncións diminuíu en todas as comunidades autónomas, agás na cidade autónoma de Ceuta (1,0%), a Comunidade Foral de Navarra (0,7%) e en Galicia (0,1%).

No noso país segue en aumento o número de defuncións, ao pasar das 31.688 contabilizadas en 2015 a 31.732 en 2016. A tendencia foi ascendente desde o ano 2000, cando se rexistraron 28.858, mentres que en 2005 houbo 29.383 e 29.749 en 2010.

Deste xeito, a taxa de variación anual do número de defuncións en Galicia foi do 0,1 por cento, fronte ao total estatal do -3,2%. Mentres, a taxa bruta de mortalidade no noso país sitúase en 11,7 mortes por mil habitantes, a segunda maior tras a de Asturias (12,7), e por enriba da media estatal de 8,8.

ESPERANZA DE VIDA

A esperanza de vida ao nacemento alcanzou os valores máis altos na Comunidade de Madrid (84,7 anos) e en Castela e León, Comunidade Foral de Navarra e A Rioxa (83,9 no tres). Polo seu lado, os valores máis baixos déronse nas cidades autónomas de Melilla (80,6 anos) e Ceuta (80,9) e en Andalucía (81,9) e Canarias (82,3). En Galicia situouse o ano pasado en 82,7 anos, como o anterior exercicio.

Os datos do INE reflicten que o saldo vexetativo foi negativo en 10 comunidades autónomas e positivo nas outras sete, así como nas cidades autónomas de Ceuta e Melilla.

As comunidades con menores saldos vexetativos foron Galicia (-12.683), Castela e León (-11.698) e Principado de Asturias (-6.851). Pola súa banda, os maiores saldos vexetativos corresponderon á Comunidade de Madrid (17.785), Andalucía (9.820) e Cataluña (5.148).

MATRIMONIOS

En España un total de 172.243 parellas contraeron matrimonio en 2016, un 2,0% máis que no ano anterior. En Galicia os matrimonios foron 9.331 o ano pasado, dos cales en 828 casos polo menos un dos cónxuxes era estranxeiro.

A taxa bruta de nupcialidade española aumentou unha décima, ata 3,7 matrimonios por mil habitantes, por enriba da taxa galega, que se situou en 3,43 por milleiro de persoas, lixeiramente superior á de 2015, cando estaba en 3,39.

A idade media ao matrimonio mantivo a súa tendencia crecente en España e alcanzou os 37,5 anos para os homes e os 34,7 anos para as mulleres. En Galicia, a idade media correspondeu a 35,7 anos.

Temas: POBOACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

5 Arturo

Pois si que hai problema, porque unha sociedade moi envellecida non é sustantable, non hai quen pague as pensións. Home, é fácil de entender.

4 Arturo

Os galegos non somos especialmente probes, o nivel de vida en Galicia ( con todos os problemas que se queiran ) non é moi diferente ao resto do Estado ( mais baixo que País Vasco pero mais alto que Andalucía ou Extremadura, ) os turistas non veñen eiquí precisamente a mercar terras, nen se levan mais do que traen ( non sei como, a verdade ían facer eso ), e non estamos destinados a nada, coma nengunha persoa. Probes son os de Bangla Desh ou os de Haití; mesmo Portugal ten un nivel de vida mais baixo que Galicia. Agora, a trécola esa victimista e a idea luminosa e radiante dun futuro mellor nun patria independente e socialista sona moito a Albania de Enver Hoxa ( con salarios na sua época de 7 euros , fronteiras pechadas, e represión stalinista ) .

3 BeneB

Eu non vexo problema por ningures, o problema en todo caso será o crecemento perpetuo nun territorio finito. Eu preocuparíame por como de ben vive esa xente e se van para mellor ou para pior, o demais non ten interese ou é consecuencia.

2 anonimo

Un problema, coma tantos outros, para que so os independentistas teñen solución. Unha Galicia independente e socialista no medio da Unión europea, e comerciando intensamente con Angola e Mozambique ( potencias económicas emerxentes ) solucionaría fácilmente ese problema mediante as políticas axeitadas. Namentres Galicia non sexa independente non hai nada que facer.

1 Reintegrata_descoñecido

Case que falas a serio, verdade? Vos si que tedes unha solución: seguir a papar pensións para os vellos para que a "jalisia projrese", e facer que veñan turistas escorrentados pola "caló" a deixar dous euros e levar catro, a comprar as terras que non son produtivas pola política do goberno e sobre todo a facer que paguen alí as empresas que contaminan aquí. Ese é o voso paraiso...total non hai outra solución, verdade? estamos destinados a iso, verdade? sempre seremos pobres e cada vez menos, verdade?

1 Sesees

Este si que e un problemon, pero gordo. Isto trae ainda mais pobreza