A desfeita do Banco Pastor

Cando Alberto Núñez chegou á presidencia da Xunta, o sistema financeiro galego pivotaba sobre tres entidades principais: Caixagalicia, Caixanova e o Banco Pastor. As dúas primeiras tiñan unha natureza fundacional -xa que logo, non substancialmente lucrativa- e o terceiro era unha sociedade anónima clásica orientada á consecución do máximo beneficio.As Caixas operaban cun marco normativo específico no que as institucións políticas galegas tiñan unha notábel capacidade decisoria.No caso do Pastor, os condicionantes legais eran semellantes aos que presidían as actividades do conxunto de empresas financeiras existentes no Estado.

Por Xesús Veiga | Compostela | 23/06/2017

Comparte esta noticia
Cando Feijoo abandone Montepío -previsibelmente no 2020- o mapa financeiro do País que presidíu durante case 12 anos terá mudado radicalmente.Onde había Caixas de Aforro que posuían unha forte incidencia no financiamento de proxectos produtivos deseñados na Galiza e dispuñan dun volume importante de recursos -a chamada Obra social- para complementar as dotacións públicas nas áreas de benestar e cultura, existe agora unha entidade privada -adquirida a un prezo moi baixo- que obtén atractivos beneficios e que non está obrigada a contributos sociais específicos.E o banco promovido por Pedro Barrié de la Maza certifica a súa defunción absorbido pola empresa creada pola familia Botín.A conclusión non pode ser mais contundente: nos oito últimos anos deslocalizouse por completo o centro decisional dos grupos galegos con maior presenza no mercado financeiro galego.
 
Certamente, non se pode atribuír aos gobernos de Fraga e de Feijoo (e moito menos ao bipartito presidido por Touriño) a responsabilidade exclusiva desta desfeita.Os diretivos das Caixas (Méndez e Gayoso) e os executivos do banco residenciado na Coruña tiveron unha relevante porcentaxe de culpa na dinámica destrutiva dunhas entidades que contaban cun elevado nivel de confianza entre os aforradores galegos.As instancias supervisoras -nomeadamente o Banco de España- completaron o tríptico dos causantes desta perda irreparábel. Obsérvense os últimos datos coñecidos:a CNMV non quixo suspender a cotización das accións do Popular cando a dinámica especulativa presente na Bolsa resultaba mais que evidente; diversas entidades públicas (Seguridade Social, algunhas Comunidades Autónomas e concellos) retiraron os seus depósitos do banco contribuíndo ao clima de pánico imperante; o Banco Central Europeo non facilitou liquidez á entidade -a diferenza do que sucedeu noutros casos- provocando a inevitabilidade da intervención final...
 
As equipas gobernamentais de San Caetano e da Moncloa forman parte desa caste de fundamentalistas que invocando o deus laico do mercado negan calquera posibilidade de existencia dunha banca pública. Novagaliciabanco foi privatizada sen razóns convincentes mentres Bankia seguía nas mans do FROB. E, agora, o ministro Guindos non quixo xogar a carta dunha posíbel nacionalización do Popular-Pastor mediante a intervención de Bankia como grupo comprador. O dogmatismo privatizador ten estas consecuencias: prefiren afortalar unha crecente oligopolización do sector bancario que penaliza seriamente aos usuarios destes servizos financeiros e non teñen reparos en propiciar unha operación que pode uns graves custes laborais. Menos competencia, menos emprego e perda dos investimentos dos pequenos accionistas. As perguntas son pertinentes: para qué serve unha maioría absoluta reiterada do PPdG? Cántos votantes deste partido saen gañando con esta traxectoria financeira? Mais aínda: pode garantir Feijoo que os actuais propietarios de Abanca non van optar por unha venda futura desa entidade a outro dos xigantes do sector?
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.