Galicia xa é a segunda comunidade que paga con máis axilidade aos seus provedores

Galicia xa é a segunda comunidade autónoma que paga con máis axilidade aos seus provedores, segundo os datos relativos ao mes de abril que publica este xoves o Ministerio de Hacienda.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2017 | Actualizada ás 19:58 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Galicia xa é a segunda comunidade autónoma que paga con máis axilidade aos seus provedores, segundo os datos relativos ao mes de abril que publica este xoves o Ministerio de Hacienda.

Moedas, euros, billetes, diñeiro
Moedas, euros, billetes, diñeiro | Fonte: Europa Press

Por primeira vez na serie histórica, segundo chama a atención a Consellería de Facenda a través dun comunicado, Galicia abona as súas facturas antes de que comece o período medio de pago, "de modo que está a pagar 26 días antes que a media autonómica".

O período medio de pago de Galicia baixou 7,6 días respecto de marzo, e sitúase 1,8 días por baixo do límite a partir do cal empeza a contar o prazo medio de pago das administracións públicas.

Pola contra, a media autonómica empeorou en 2,2 días en abril e sitúase en 24 días, é dicir, 26 días despois que en Galicia. Os datos oficiais, subliña o departamento de Valeriano Martínez, "ratifican que Galicia se mantén un mes máis entre as comunidades que mellor atenden aos seus provedores, axilizando os pagos e evitando problemas de liquidez ás empresas que prestan servizo á Xunta".

Facenda explica que "Galicia xa está a cumprir os obxectivos do plan 'Pago 10', impulsado pola Xunta este ano e que ten como obxectivo situar o período medio de pago na contorna do dez días.

Engade que o mes de abril é o cuarto consecutivo no que Galicia mellora este indicador sobre o período anterior. Reivindica tamén que o informe do ministerio reflicte que o período medio de pago de Galicia é agora 20 días inferior ao do mesmo mes de 2016.

DÉBEDA COMERCIAL

En canto á débeda comercial, o cociente de débeda/PIB de Galicia en abril situouse no 0,30%, a cuarta máis baixa de España e por baixo da media autonómica (0,53%).

"Os datos mostran que Galicia conseguiu reducir este indicador ata os 180,6 millóns de euros no último ano, un 46% menos que no mesmo mes de 2016", valora a consellería.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Un afectado

Quero dicir que a Xunta deberá esixir ás empresas que contrata servizos que tamén se apliquen o conto e paguen nese mesmo tempo, porque senon, onde están os cartos todo o tempo que tardan en pagar? A inserción das Letras Galegas nalgúns medios anunciaronlle o pago para o 25 de agosto. Está a Xunta enterada disto? Que pensa facer?