Francisco, novo técnico do Lugo

O club lucense anuncia a chegada para as dúas vindeiras campañas do técnico almeriense, que non puido evitar o descenso do UCAM Murcia a Segunda B, e destaca “a súa proposta de xogo creativo e de calidade”.

Por gcdeportes | Lugo | 23/06/2017 | Actualizada ás 08:14

Comparte esta noticia

Unha semana tardou o Club Deportivo Lugo en anunciar o recambio de Luis César. O club que preside Tino Saqués anunciou a última hora deste xoves a chegada do andaluz Francisco para as dúas vindeiras campañas, ata xuño do 2019.

Francisco saúda a Luís César na visita do UCAM Murcia ao Anxo Carro.
Francisco saúda a Luís César na visita do UCAM Murcia ao Anxo Carro. | Fonte: lfp.es

Malia a súa xuventude (38 anos), Francisco Rodríguez Vílchez (Almería, 17 de setembro de 1978) conta xa con experiencia en Primeira División: tras completar dúas boas campañas no filial do Almería, gañou a oportunidade de sentar no banco do primeiro equipo na tempada 2013-14. Acadou a salvación o primeiro ano, pero un mal arrinque do curso 2014-15 provocou o seu despido. Na tempada recente, o técnico almeriense non puido evitar o descenso do UCAM Murcia a Segunda B tras ser fichado en decembro para revitalizar o equipo. Na xornada 39, estaba cinco puntos por riba do descenso, pero perdeu os tres últimos partidos e acabou salvándose o Alcorcón tras gañar ao Lugo na última xornada.

Segundo o club lucense, trátase dun “técnico de gran proxección, novo e con importante experiencia no fútbol profesional. Amplio coñecedor do traballo de canteira durante a súa gran etapa no filial da UD Almería”. Ademáis, “chega a Lugo con ilusión, percorrido, e método demostrado, nunha proposta de xogo creativo e de calidade para seguir apoiando o crecemento do proxecto da entidade amurallada”.

Francisco será o encargado de dirixir o terceiro proxecto da presidencia de Tino Saqués. Primeiro foi Luís Milla (2015-16), substituído por Xosé Durán a metade da campaña, e despois o arousano Luís César Sampedro (2016-17), que rexeitou a oferta de renovación ofrecida polo club malia ter acadada a mellor posición (noveno) da historia do CD Lugo na Segunda División. Segundo comentou Tino Saqués horas antes de facerse oficial a chegada de Francisco, o Lugo manexaba unha terna de candidatos.

Non é a única novidade do día no Anxo Carro, xa que o presidente Saqués anunciou a chegada do porteiro Juan Carlos Martín (Guadalaxara, 20 de xaneiro de 1988), procedente do descendido Elxe, para competir na portaría con Roberto Fernández. Ademáis, o central Marcelo Djaló podería saír cara ao Fulham inglés, no que sería o traspaso máis caro da historia do CD Lugo.

Francisco, co UCAM Murcia na banda do Anxo Carro.
Francisco, co UCAM Murcia na banda do Anxo Carro. | Fonte: lfp.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta