Temas: LUGO

Cualifican de “aberración” a talla dun monte próximo ao hospital de Lugo

Lugononovo anucia que levará o asunto ao Parlamento para que a Xunta responda por unha “intervención desproporcionada” que "terá repercusión" nos pacientes e familiares do centro hospitalario de Calde.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 23/06/2017 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

Non é unha talla, é unha aberración”. Nestes termos referiuse Iñaki García á “deforestación salvaxe” que a Xunta realizou en terreos próximos ao hospital de Calde. “Dun bosque fixeron un deserto baixo o pretexto de garantir a seguridade. Un aspecto polo que non se preocupan na mesma medida cando do que se trata e de previr incendios”, indicou.

Hospital Calde, de Lugo
Hospital Calde, de Lugo | Fonte: todopueblos.com

O edil de Lugonovo cualificou a intervención de “desproporcionada e incluso prexudicial” para os usuarios e traballadores das instalacións sanitarias próximas. “Do que se trataba era de conxugar a protección dos residentes e do persoal do centro coa súa comodidade e confort, algo que nos parecía posible cunha limpeza fonda ou cunha talla selectiva sen necesidade de arrasalo absolutamente todo”, indicou.

Así, lembrou que na contorna atópase a Unidade de Saúde Mental do Sergas e que o paseo por esta zona de recreo supoñía un dos “poucos entretementos” para os internos e as familias que os visitan, mellorando a calidade da súa estancia.  Polo que, dende Lugonovo, ínstase a administración autonómica a repoboar o espazo á maior inmediatez posible.

Ademais, a través de En Marea, pediránlle á Consellería de Medio Ambiente os informes que avalaron esta acción e tamén interpelará ao servizo de montes para saber se este departamento era coñecedor da magnitude das operacións e se estas se axustaron aos límites que marca a lei sobre o número de pés forestais que se poden cortar cun só permiso.

Os concelleiros e a concelleira de Lugonovo cren, ademais, que as tarefas acometéronse a destempo. “Se o imperativo viña determinado pola necesidade de eliminar riscos derivados dunha climatoloxía adversa, agora, precisamente entramos na época do ano con menos perigo e xusto na que a presenza destas árbores se fai máis acaída e tamén máis agradecida en tanto aportan boa sombra nestes días de calor”, indicou García.

Temas: LUGO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta