Os traballadores galegos inician unha ofensiva pola recuperación de dereitos

As folgas do metal, do transporte ou do 112, claves para o "efecto arrastre" a outros sectores, segundo os novos dirixentes dos sindicatos galegos, que se mostran máis dispostos a unir forzas.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 24/06/2017 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

Os traballadores galegos iniciaron unha ofensiva pola recuperación de dereitos e iso traduciuse nun aumento nas últimas semanas do número de folgas convocadas en Galicia polos sindicatos, con amplo seguimento. Dous conflitos como os do metal e o transporte, ambos co transfondo da negociación colectiva, ou o do 112, son considerados polas centrais sindicais claves para que se produza un "efecto arrastre" noutros sectores, o que pode implicar que se produzan máis paros.

Piquete na deserta estación de autobuses de Santiago durante a folga do transporte
Piquete na deserta estación de autobuses de Santiago durante a folga do transporte | Fonte: CRTVG

Con todo, os sindicatos advirten que isto non debería ser necesario, xa que se a patronal aposta por dar unha resposta ás demandas dos empregados, polo que a conflitividade non tería por que incrementarse.

Os líderes de UXT, CC.OO. e CIG coinciden en que no actual momento a recuperación económica é xa palpable nos beneficios empresariais, pero a precariedade "non fixo senón aumentar", por iso é polo que os traballadores digan "xa está ben de tanto abuso".

"NON QUEDA MÁIS REMEDIO"

José Antonio Gómez, secretario xeral de UXT, destaca que "bastante paciencia" tivo a clase traballadora tras os "duros" anos de crise, nos que resalta como "importante" a responsabilidade demostrada.

En Marea traballadores 112
En Marea traballadores 112

"Se vemos que a recuperación non chega, non queda máis remedio que a mobilización", advirte, interpelado polo incremento das folgas en Galicia, tamén presentes no colectivo de traballadores do 112, a auxiliar da automoción Denso desde este luns e os examinadores da DXT e a estiba nun ámbito xa de carácter estatal.

De igual modo, o comité de Ferroatlántica na Costa da Morte anunciou un paro para o próximo 8 de xullo, como sinal de rexeitamento rotundo aos plans do grupo de Villar Mir para vender as centrais hidráulicas.

No horizonte inmediato, as metas da mobilización, desde o punto de vista de Gómez, son que os empresarios "se dean conta" e "haxa cambios no modelo económico", cun "novo contrato social" e o fin da reforma laboral de 2012.

"O PRIMEIRO, A INFANTARÍA"

"Se queremos lanzar unha ofensiva, o lóxico é que o primeiro que saia sexa a infantaría", di o secretario xeral de CC.OO., Ramón Sarmiento, en alusión ao sector do metal, unha "referencia" en Galicia tanto polo volume de empregos como polas condicións que contemplan os seus convenios, e que esta semana volveu ás rúas na provincia da Coruña.

Desde que substituíu a Xosé Manuel Sánchez Aguión, Sarmiento fixo constantes apelacións á unidade sindical. "Para que unha estratexia global no campo da negociación colectiva sexa eficaz, precisa unidade", reflexiona.

Así, aposta por "ir abrindo escenarios de confrontación que vaian tendo un resultado positivo". "Ir gañando batallas", resume, nunha análise que identifica unha época de crise centrada na "contención" fronte aos recortes que pretendían os empresarios e que agora se converte en "reivindicación". "É o momento de porse á ofensiva pola recuperación de dereitos e salarios a través da negociación colectiva", sentenza.

"APOSTAMOS POR SER ATREVIDOS"

"Estamos a apostar por ser atrevidos porque a situación é moi dura". O que o afirma é o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen, no recente congreso no que tomou a substitución a Suso Seixo, fixo un chamamento á necesidade de mobilización.

A central nacionalista aposta claramente pola loita "como forma de defender os dereitos" e para recuperar "todo o perdido" durante os últimos anos, sobre todo nun contexto no que "o perigo é que todas estas políticas de recorte se consoliden".

Pero vai máis aló e propón a mobilización co obxectivo de facer inevitable a derrogación das reformas laborais. "Trátase de ver se repercute dunha vez en que as forzas políticas no Congreso son capaces de porse de acordo", asevera.

Na súa opinión, coa crise deuse unha primeira fase de "gran mobilización", á que sucedeu unha segunda etapa na que houbo "desmobilización polas expectativas postas nos cambios políticos", tras as citas electorais.

FOLGA XERAL OU DIÁLOGO SOCIAL

Nesta liña, tamén Gómez cre que "é o momento de que as forzas de esquerda se poñan de acordo para reverter a reforma laboral e tomar medidas contra a pobreza".

Con todo, co portavoz da CIG difiren tanto o responsable de UXT en Galicia como Sarmiento, o de CC.OO., no que respecta á convocatoria dunha folga xeral.

Para Carril, "agora é o momento", aínda que recoñece que "antes do verán é difícil". "Pero máis pronto que tarde debería darse", ao seu xuízo. E reivindica que a presenza da central nacionalista en Galicia "non é un feito indiferente", máis ben "determinante" e "incide de forma importante" pois nunha boa parte dos conflitos abertos teñen "unha maioría incuestionable" --caso do centro de atención ás emerxencias, o metal, o transporte e Ferroatlántica--.

Do outro lado, UXT "sempre aposta polo diálogo, a concertación e a negociación", sen descartar "as medidas de presión" cando non queda "outro remedio", en palabras de José Antonio Gómez.

TENSANDO A CORDA

Desde CC.OO., Ramón Sarmiento aspira á unidade —sen achegamentos coa CIG polo momento— emprazando ás outras dúas organizacións sindicais ao impulso dunha estratexia "máis global" que supere o ámbito da negociación colectiva e abarque outros apartados das relacións laborais.

Porén, no concernente aos convenios, avoga por fomentar a creación de acordos "máis grandes", que incumban a máis traballadores, para paliar o impacto dunha "atomización" que se deu durante a crise.

E, para ir empezando, aconsella "tensionar" a negociación colectiva xustamente neste momento, previo ás vacacións, para tratar de chegar ao verán —o momento "natural" neste proceso— cos convenios pechados. "Fixemos ese chamamento e os traballadores están a responder", conclúe.

Manifestación do metal en Santiago.
Manifestación do metal en Santiago.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta