A Rede do Patrimonio Cultural galego xa está operativa en Internet

A nova rede, formada por 69 entidades, estrea sitio web para espallar o seu labor e coordinar o traballo dos asociados.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/06/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Creada o 3 de xuño pasado inicialmente por 54 entidades, a Rede do Patrimonio Cultural de Galicia xa conta con 69 socios e cun sitio web lanzado este venres para dar a coñecer a súa natureza, os seus obxectivos e o seu traballo, e para coordinar o labor dos asociados. Agora, o seguinte paso é crear nos vindeiros días a intranet, onde as entidades poderán traballar en común en liña.

Participantes na primeira xuntanza da Rede do Patrimonio Cultural Galego
Participantes na primeira xuntanza da Rede do Patrimonio Cultural Galego | Fonte: Soledad Felloza

En concreto, o novo sitio web, redepatrimonio.gal, divídese en catro apartados: Que éQuen SomosComo FuncionaUnirse e Entrar. A súa publicación responde á súa natureza de servizo dixital e ao quinto obxectivo dos oito principais que se marcan os asociados: ser unha ferramenta de comunicación interna entre as entidades que debe favorecer o intercambio de coñecemento e de experiencias entre todos os seus membros, especialmente naqueles eidos de coñecemento especializado.

O Museo do Pobo Galego acolleu o pasado sábado 3 de xuño a xuntanza inicial para a posta en marcha da Rede do Patrimonio Cultural, convocada por un grupo de entidades e colectivos que levaban traballando na proposta varios meses, e que publicaron unha Declaración que resumía os motivos e os obxectivos básicos da rede. As entidades promotoras foron: Asociación Cultura do País, Asociación Ecoloxista Adega, Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), Asociación Petón do Lobo, Colectivo a Rula, Gentalha do Pichel, Historiadegalicia.gal, Mariña Patrimonio, PatrimonioGalego.net e Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA). Nesta xuntanza, e no traballo en rede posterior, que culminou co remate do periodo de alegacións o 14 de xuño de 2017, definiuse a configuración e obxectivos iniciais da rede, ratificada finalmente polas entidades e constituída o 23 de xuño de 2017. Finalmente o documento foi aprobado por 69 entidades que representan a pluralidade dos intereses do patrimonio cultural, desde o Navia até o Támega, desde As Médulas até Fisterra, incluíndo asociacións locais, comarcais, interrexionais ou nacionais. 

OBXECTIVOS

A Rede do Patrimonio Cultural márcase oito obxectivos principais. En primeiro lugar, entende o patrimonio cultural galego como un dos principais activos sociais, identitarios e económicos do país e, polo tanto, como un recurso estratéxico para a sociedade galega contemporánea que debe ser conservado e transmitido, nas mellores condicións, ás vindeiras xeracións.

En segundo lugar, a rede acolle a entidades que teñan por obxectivos a defensa e posta en valor do patrimonio cultural galego, tanto material como inmaterial, e configúrase como un instrumento orientado a aqueles ámbitos territoriais ou sociopolíticos que resultan de difícil acceso para cada unha das entidades en particular.

En terceiro lugar, na rede poden participar as asociacións, colectivos e entidades civís interesadas na divulgación e protección do patrimonio cultural. Ademais, e como cuatro obxectivo, pretende ser un instrumento para a visibilización das actividades e accións das entidades participantes alén dos seus círculos habituais de difusión.

Como quinto obxectivo, a Rede do Patrimonio Cultural que ser tamén unha ferramenta de comunicación interna entre as entidades, que debe favorecer o intercambio de coñecemento e de experiencias entre todos os seus membros, especialmente naqueles eidos de coñecemento especializado (administrativo, xurídico, xestión, comunicación, etc.). Isto farase desde o núcleo dixital da rede, o novo sitio web, estreado este venres pasado: redepatrimonio.gal.

O sexto obxectovo é situar a educación, tanto a formal, impartida nos centros educativos, como a informal, destinada á sociedade en xeral, como un obxectivo central no seu desenvolvemento e nas súas accións.

Como sétimo obxectivo establece que se considerará o ámbito cultural da Eurorrexión e outras rexións limítrofes co territorio administrativo de Galicia como ámbitos de atención e incentivará a colaboración con axentes e entidades dos devanditos ámbitos.

Por último, a rede camiñará cara a constitución dunha entidade formalizada administrativamente, co obxectivo de participar en procesos públicos como mesas sectoriais, órganos consultivos ou similares.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta