Feijóo remarca que Galicia non ten "competencias" para realizar esixencias a Santander tras a compra de Pastor

Defende que a Xunta busca "cumprir a lei" co novo plan de transporte e volve acusar aos folguistas de usar aos nenos como "reféns"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2017 | Actualizada ás 17:52 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, remarcou que as comunidades autónomas carecen de "competencias" en materia financeira como para, no caso de Galicia, poder esixir ao Banco Santander determinadas cuestións tras a adquisición do Popular, como o mantemento de oficinas ou postos de emprego do Banco Pastor.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na Radio Galega
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na Radio Galega | Fonte: Europa Press

Nunha entrevista este domingo en Radio Galega recollida por Europa Press, Núñez Feijóo mostrouse "máis optimista" sobre este proceso logo das "conversacións" mantidas de forma "aberta e cordial" coa presidenta do Santander, Ana Patricia Botín, nas que esta lle indicou que "tiña interese en valorar as propostas trasladadas".

Con todo, tras cualificar de "dramáticas" as perdas dos pequenos accionistas do Banco Pastor ocasionadas por compra da entidade por parte de Santander, Feijóo reiterou que as súas "competencias" como presidente autonómico están limitadas a "trasladar con honradez e honestidade" as "inquietudes dos galegos".

"Estamos a falar dun banco cotizado en bolsa que está en todos os lugares do mundo, que ten as súas pautas de comportamento e que xa absorbeu moitísimos bancos antes e non mantivo a marca en ningún deles. Estamos a falar de cuestións complexas, pero hai unha vía de diálogo entre Santander e a Xunta", indicou.

INVESTIGAR AMPLIACIÓNS DE CAPITAL

"Creo que hai que investigar as ampliacións de capital e hai que manter unha peza separada do Banco Pastor porque o Banco Popular en Andalucía é unha cousa e o Banco Popular en Galicia é outra cousa e chamábase Banco Pastor", expresou.

Tras isto, cuestionado polo sistema financeiro galego tras a crise económica, o xefe do Executivo autonómico defendeu que "Galicia foi das poucas comunidades que mantivo unha entidade domiciliada no seu territorio", en referencia a Abanca, creada por mor da compra de Novagaliciabanco por parte do grupo venezolano Banesco.

Deste xeito, asegurou que "non se pode dicir" que a Xunta "é responsable" da situación de Popular debido ás "escasísimas" competencias en materia bancaria das comunidades autónomas. "O Banco Pastor é propiedade do Popular desde o ano 2011. Estamos a xulgar un feito que pasou fai seis anos", apostilou, para logo incidir en que hai "cuestións que poden ser unha algarabía política" pero que non teñen incidencia "nas familias".

PLAN DE TRANSPORTE E AVE

Tras unha semana marcada pola folga de transportes apoiada por sindicatos e patronal en resposta ao novo plan de ordenación presentado pola Xunta, Feijóo volveu a cargar contra o incumprimento dos servizos mínimos e repetiu o argumento, expresado xa o pasado xoves, de que os nenos foron empregados "como reféns", algo que, na súa opinión, "non o merecen os galegos".

A continuación, incidiu en que o obxectivo da Xunta é "cumprir coa lei" a través dun novo plan que "utiliza o que os galegos pagan a través dos seus tributos, que son 125 millóns de euros de transporte escolar, para que os buses que pasan por diante das casas da xente poidan parar e recoller á xente que queira utilizar un transporte público sen menoscabar a prioridade de levar aos nenos ao colexio".

Tras isto, logo de afirmar que os traballadores do transporte "non teñen que estar preocupados" polo novo plan, comentou que o incumprimento dos servizos mínimos é "o máis grave que se pode facer nunha España constitucional no dereito a folga".

Doutra banda, cuestionado sobre o AVE, o xefe do Executivo autonómico emprazou á aprobación definitiva dos Orzamentos Xerais do Estado para reunirse co ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, e dilucidar a "execución real" das obras pendentes.

Neste sentido, confía en que, grazas a que os tramos pendentes están "desbloqueados" xa que existen "contratos" e "acordos", "pódese gañar o tempo perdido" para a conexión ferroviaria de alta velocidade de Galicia co centro peninsular.

PSOE

Feijóo tamén foi cuestionado sobre a nova etapa aberta no PSOE tras a volta á Secretaría Xeral do partido de Pedro Sánchez e a viraxe que o partido dará, previsiblemente, cara a posturas máis próximas a outras forzas de esquerdas.

Para o presidente dos populares galegos, o PSOE está a realizar unha "emenda á totalidade" da súa historia con "formulacións ideolóxicas" abertas tras o Congreso Federal que supoñen unha "involución" do partido a través de ideas "xa superadas en Europa".

Sobre un posible achegamento entre PSOE e Podemos, opinou que "se están borrando as fronteiras" entre ambos e puxo como exemplo a Esquerda Unida, quen, segundo Feijóo, "perdeu o seu proxecto político" ao unirse en coalición coa formación morada para as eleccións xerais de xuño de 2016.

SITUACIÓN POLÍTICA EN GALICIA

Cuestionado achega do proceso de renovación que debe afrontar o PSdeG, o presidente autonómico aposta por que os socialistas galegos representen un proxecto "que teña criterio e personalidade propia" e, por tanto, "diferente ás mareas de Podemos".

Por último, Feijóo criticou os gobernos das mareas municipalistas nas cidades galegas e, de face ás eleccións locais de 2019, expuxo que existen "dúas posibilidades": por unha banda, "gobernos de estabilidade" representados polos populares ou, por contra, "gobernos das mareas cos nacionalistas".

Nese escenario, ve clave "o papel" que, de aquí a dous anos, asuma o PSOE, partido que, para Feijóo, debe decidir "se vai ser un partido de coalición" para gobernar xunto a mareas e BNG ou se está aberto a tender pontes co PP.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta