“O de Portugal pode pasar en calquera esquina de Galicia porque non se cumpre a Lei”

Diego Sánchez Agra, representante do Sindicato Labrego Galego no Consello Forestal, alerta das eivas da política contra incendios da Xunta e da permisividade coas plantaciońs de eucalipto. Nesta entrevista, abordamos tamén a polémica do novo plan forestal -especialmente o referido ao eucalipto nitens- e o papel do exército na extinción de incendios, entre outros temas.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 30/06/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

O luns cinco organizacións -vós e  Amigos da Terra, Asociación Frouma, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM)-  abandonastes o Consello Forestal denunciando a imposibilidade de participar na planificación da loita contra os incendios de Galicia. Parece que a Xunta non quere a vosa opinión sobre os incendios…

Diego Sánchez Agra, do Sindicato Labrego Galego
Diego Sánchez Agra, do Sindicato Labrego Galego

Non é un problema só do plan contra os incendios, o PLADIGA, deste ano, sucede o mesmo de hai anos.  A documentación que nos envían, ou ben a manda a última hora ou a expoñen directamente durante o propio Consello Forestal. Así é imposible preparar un tema para facer achegas. Eles dinos ás veces que nos dan días para mandar propostas, pero o importante é que as poidamos expor alí canda outros colectivos para entre todos atopar a mellor solución. 

Que marxe tiveron por exemplo para consultar o Pladiga?

Primeiro hai que dicir que é un volume importante de texto, máis de 300 páxinas, e moi complexo tecnicamente. Mandárono o venres pasadas as 13:30 e a reunión era o luns ao mediodía.

E logo que valoración fan do plan para a campaña de incendios deste ano?

Do pouco que puidemos ver, parece que non hai nada novo. O PLADIGA sempre é o mesmo, un copia pega do ano anterior.  En Galicia levamos 50 anos cos lumes forestais e sempre andamos co mesmo plan contra o lume. O resultado é que todos os anos arden moitas hectáreas e hai moitos conatos que nin figuran nas estadísticas. O deste ano é un copia e pega, con algunha pequena moficiación, no referido as vías de comunicación. O PLADIGA non vai ser efectivo. Entre outras cousas porque ten en conta cousas que non son reais. medios como casetas de vixilancia, que foron  desmanteladas ou que xa non están habilitadas para o servizo. No PLADIGA ademais sempre se fala de número de brigadas, cando no resto de países da nosa contorna fálase do número de efectivos reais.  O motivo é que en Galicia traballan brigadas con unha ou dúas persoas.

Feijóo admitía a pasada semana que algo similar á traxedia de Portugal podería pasar no país. Que opinan vostedes, estamos en risco de que sucede algo parecido ao de Pedrogao Grande?

En Galicia pode pasar en calquera momento o que pasou en Portugal. De feito , a foto esta que saíu en todas as portadas, coa estrada no monte de Portugal repleta de coches queimados polo lume, podemos atopala un día en calquera esquina de Galicia.  A semana pasada o director xeral dicía que se se cumprise a lei, non sería posible que sucede aquí o de Portugal. O propio director xeral estaba a recoñecer que aquí non se cumpre a Lei, cando é a propia Consellería quen a pode facer cumprir, sen chegar a vía penal ou xudicial, poñendo sancións e abrindo expedientes administrativos. Se eles mesmos recoñecen que non se cumpre a Lei, evidentemente que pode suceder.

A Lei xa prohibe accións como plantar eucaliptos nas beiras dos ríos e regatos, ou moi preto das estradas, ou en terras de labranza. Con todo, calquera que dea un paseo polo monte pode observar a primeira vista flagrantes infraccións disto. Por que tolera a Xunta estas prácticas.

A Lei non se está a cumprir en moitos casos. Nós, como SLG sabemos de primeira man que a prohibición de non plantar en terreos agrícolas non se está a cumprir. Cando nós ou os nosos afiliados denunciamos, a miúdo a Consellería de Medio Rural non fai seguimento da denuncia, ou  queda nun caixón. 

Por que cre que sucede isto?

Non sabemos se hai intereses para favorecer a algún tipo con algunha industria. O que si  sabemos é que con estas políticas están desmantelando todo o rural. Por exemplo, cada vez hai menos xente nas oficinas de desenvolvemento rural e cada vez dan  menos información.

Para o control dos incendios é clave a política forestal. A Xunta leva meses, mesmo anos, atrasando a publicación do novo plan forestal. Con todo, parece que o vai aprobar este verán, como soe facer con todas as decisións polémicas, publicalas cando a xente está de vacacións… Que agardan dese plan?

Primeiro, sobre a aprobación do plan forestal, tal e como eles o plantexan, non o poden aprobar así. Leva máis de 20 anos parado e houbo unha mesa de traballo para establecer directrices na que participaron axentes do sector. Nós entendemos que con esas directrices non é suficiente, ten que volver ao Consello Forestal  e cremos que debería ter un tempo de exposición pública.  Saltándose esa exposición pública hai risco de que finalmente a Xustiza o bote para atrás, se no plan non aparecen as directrices que o sector logrou, con gran esforzo, consensuar.

A Xunta filtrou que o novo Plan establecerá algún límite ao eucalipto, en Ourense e no interior de Lugo. Que lle parece estas limitacións?

Esas limitacións xa existen nun borrador de decreto, que simplemente traslada o que xa hai na propia lei e só engade a prohibición de Ourense e p sur de Lugo para o nitens, a especie introducida máis recentemente e que é máis resistente ás xeadas. O ecualipto globulus limítao en Lugo só a zona d’A Mariña. Nós non cremos tanto nos límites por territorios como na completa ordenación do territorio, a nivel agrícola e forestal, fixando que  tipos de especie pode haber en cada lugar en concreto. Os monocultivos non son bos en ningún caso nin en ningunha zona.

O eucalipto nitens pode aumentar a zona plantada en Galicia ...

Ollo, que a propia industria dixo que non quería tanto,  aínda que a semana fomenta a súa plantación. Apropia industria di que non sabe se vai ter capacidade para absorber tanto nitens.  No futuro vai a xente pode vender a madeira de nitens? Non se sabe

Un segundo factor é que parece que podemos facer o que nos dea a gana coas nas nosas terras e non é así, primeiro polos lumes.  Ademais se o plantamos en zonas nas que non son adecuadas,  van medrar mal e ter milleiros de pragas, por estaren en zonas onde realmente non medran ben.  E por riba a industria admite que non sabe se vai poder absorber tanto eucalipto nitens.

Que outras medidas propoñen para paliar a lacra dos incendios?

Limitación de monocultivo, máis produción de madeira frondosa e usos alternativos, isto vai evitar q se prenda lume ao monte. No eido da prevención clásica, ten que haber unha verdadeira planificación por distritos e ten que ser realizadas no tempo preciso. Non pode ser que por exemplo, as axudas para a xestión de montes veciñais acaben de ser aprobadas, a piques de empezar a tempada de máis incendios. As cuadrillas tamén deberían traballar en inverno. Na extinción, o servizo ten que se totalmente público, baseado nos medios terrestres, que son os que realmente fan o traballo. Os medios aéreos son  moi vistosos e caros, pero a realidade é que son só de apoio. Invisten en medios áreos, pero as cuadrillas están de lado, ás veces con só 2 persoas traballado. As cuadrillas ademais deben ter condicións de traballo dignas. En Galicia hai que revisar os convenios que hai da Xunta cos concellos a través da FEGAMP. Ademais, o convenio co Exército non serve para nada e abosrbe miles de euros. O exército, á hora de disuadir, non temos moi claro que sexa moi efectivo. O que está moi claro é que na extinción, é moi difícil a coordinación co exército  durante os incendios, porque teñen os seus propios mandos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 15 comentarios

6 Nemo

O certo é que cando máis preto estivo Galicia dunha situación parecida á recente de Portugal, foi cando o BNG asumiu a Consellería de Agricultura. No verán de 2006, co nefasto Suarez Canal de conselleiro, Galicia ardeu polos catro custados.

1 Fada-lobo

Esqueceuseche comentar que acababa de chegar a conselleria. O bipartito con el a cabeza foi o unico goberno que tina unha idea de que facer co monte galego. Vai rozar un pouco de marana para contribuir un pouco porque ti mesmo te pos en ridiculo e amosas a tua cualidade moral con ese comentario. Por certo nunca se vai avaliar a conselleria da que depende o monte... seria de moito interese.

2 Fada-lobo

E curioso que nunca se fale do traballo desta xente cando medicos e mestres estan continuamente cuestionados por exemplo. Eu creo que compre que se analice o seu trsballo. En xeral cumpriria avaliar todas as consellerias.

5 Doro

A xente non limpa monte porque o monte non se lle saca o debido rendimiento,non se axuda o paisano a teño monte limpo axudan a otras burradas,sen contar que o 90%dos lumes son provocados

1 Sesese

Así de claro. Todo o mundo quere in monte bonito e autoctono pero que o traballe e gaste os cartos, outro.

2 Fada-lobo

Si e encima cando venen dedicanse a criticar. Os nosos antepasados crearon toda esa riqueza e a nos tratannos como a indios nunha reserva. Se queren axudar que veñan a rozar e se deixen de nos dar leccions.

4 Fada-lobo

O que fai falla son sindicatos labregos dirixidos por labregos e moita, moita concienciación social: potenciación do banco de terras, difusión de experiencias de uso rendible do bosque autóctono... Pero, de verdade... E o máis triste é ver a ecoloxistas de cidade dicíndonos aos do rural o que temos que facer coma se fosemos indios dunha reserva. Que farta estou de hezpertos que nunca tiveron unha vexiga nas mans de traballar nin foron alindar unha vaca? E o peor, esa sensación que transmiten de condena permanente a todo o que ten que ver co mundo rural... Por que en lugar de dar tantas leccións non vides rozar na maraña? Xa sei que é máis cómodo estar nunha cafetería pontificando, pero así non conseguiredes nada. Co exemplo de cada día e coma se consegue algo.

1 Carlos V.

Se falas do entrevistado, estás moi errada. De ecoloxistas "de cidade", algún haberá.

2 Fada-loba

Non, falo de membras do seu sindicato e de membros e membras doutros. Eu a este señor non o coñezo de nada. Da ecoloxía conformada pola seudoprogresía caviar xa nin opino... Só unha oferta: teño montes e estou disposta a que me axudades a rozalos. Por ter, ata teño bosquetes fluviais e coma están en espazo protexido non podo case nin achegarme a eles. A ver, se vides traede botas porque está a chover moito estes días.

3 Lupa

E moito peor o que pasa en Galiza que en Portugal. Non lumes galegos morren milleiros de animais como lobos, xabaríns, coellos, lebres e outras especies en perigo de extinción. Fixóo mexa por nós e hai que dicir que chove. Os únicos preocupados polo medio son a xente das mareas e un chisco tamén os do BNG. Repito, en materia de incendios Galiza está moito peor que Portugal. E no demaís tamén. Nada que ver en salarios, pensión, sanidade, educación ou dependencia. Quen nos dera estar polo metade dos nosos veciños.

2 Arturo

Ben, na entrevista falta una referencia a sensibilización social contra os incendiarios, que son ( ! increíble ! ) os que provocan os lumes. Falta concienzación social contra estas bestas do pleistoceno. Falta aillarlos e controlalos socialmente. Senón, non hai nada que facer, por moito plan de extinción que haxa. E falta tamén sensibiliudade social para limitar o cultivo do maldito eucalipto. Non é que a Xunta " permita" prantar eucaliptos na beira dos ríos, e que é moi difícil controlar cada metro cadrado de terreo. Sen unha forte conciencia social, non hai nada que facer.

1 nostrus

Arturo, ti apelas a conciencia social, pero non te decatas que o que ti pides é o mais dificil de todo. Si houbera conciencia social todos os problemas da Humanidade estarian resoltos, pero como ao mesmo tempo é o mais dificil de conseguir, temos que buscar solucions dentro da realidade social. É o que hai.