A Xunta instala paneis informativos en cidades e vilas para concienciar sobre a calidade do aire

Medio Ambiente destaca o "bo nivel” do aire tras os informes do pasado ano. Só a estación da Torre de Hércules superou o valor límite diario da partícula PM10. Amtega impulsa a creación dun novo Rexistro Galego de Emisións na Plataforma Galega de Información Ambiental (GAIA).

Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/06/2017 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destinará 24.000 euros para instalar dez novos paneis informativos para informar sobre a calidade do aire de Galicia e consolidar, deste xeito, a rede de observación de Galicia. 

Os principais puntos de contaminación por CO2 en Galicia
Os principais puntos de contaminación por CO2 en Galicia

A previsión que manexa este departamento é colocar tres novos dispositivos nas estacións meteorolóxicas recentemente creadas nos concellos de Lalín, Xinzo de Limia e Ponteareas e renovar os que xa existían nas sete cidades galegas.  “Con esta actuación preténdese ofrecer á cidadanía información actualizada diariamente e previsiblemente a cada hora sobre os índices de calidade do aire”, asegura este departamento.

Este sistema permite exercer un control constante arredor dos niveis de concentracións de substancias no ambiente tales como o dióxido de xofre, dióxido de azote, partículas de diámetro inferior a 10 micras, ozono e monóxido de carbono; e previr, así, posibles afectacións na saúde das persoas e no entorno.

“Bo nivel”

O último informe sobre calidade do aire publicado pola Consellería de Medio Ambiente constata que en Galicia non hai contaminación e o nivel é "moi bo". O documento avalía os datos contaminantes recollidos entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano pasado, a través da rede de 46 estacións de calidade do aire que existen na comunidade galega.

Contaminación por gases
Contaminación por gases | Fonte: DUVI.

Os valores de concentración de contaminantes no aire rexistrados nas estacións “cumpriron o ano pasado con todos os requisitos definidos pola lexislación aplicable para manter unha adecuada calidade do aire” nas súas principais aglomeracións (A Coruña, Ferrol, Santiago, Pontevedra, Vigo,Lugo e Ourense), así como nas zonas rurais e industriais.

Segundo a Xunta, todos os indicadores apuntaron á boa calidade do aire: dióxido de xofre, óxido de nitróxeno, partículas, ozono, monóxido de carbono, benceno, benzo(a)pireno, metais pesados (arsénico, cadmio, níquel e chumbo), fluoruro de hidróxeno e sulfuro de hidróxeno. A única excepción foi a estación da Torre de Hércules onde se superou o valor límite diario da partícula PM10. Segundo a Consellería de Medio Ambiente, débese a unha fonte natural, que emite aerosol mariño.

Novo rexistro de contaminación

Por outra banda, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) acaba de convocar outro concurso por case 220.000 euros sen IVE para a creación dun novo rexistro que permita o control e seguimento das instalacións onde se produzan emisións de compostos orgánicos coláticles á atmosfera debido a procedementos de fabricación e de traballo que utilicen cantidades importantes de disolventes orgánicos.

Así, crearase un novo rexistro PRTR ( Pollutants Release and Transfer Register) de Galicia que permita cumprir o regulamento europeo e a normativa española relacionada co Rexistro PRTR España. Este novo rexistro tamén controlará as emisións das instalacións afectadas polo catálogo de actividades potencialmente contaminantes á atmosfera (CAPCA), así como a tramitiación electrónica dos procedementos administrativos relacionados; a notificación e a autorización das instalacións que estean contempladas no catálogo CAPCA.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta