Un exdirector financeiro de GEA afirma que o grupo foi saneado e estaba nun "momento doce" cando foi vendido

O que foi director financeiro do Grupo de Empresas Álvarez (GEA), que chegou a ser o primeiro grupo cerámico de España, Manuel José Antonio S. --nomeado polo Instituto Nacional de Industria (INI)--, asegurou este luns que, no momento da venda, o grupo estaba en "un momento doce", despois de que se fixese "un saneamento da débeda".

VIGO | 27/06/2017 | Actualizada ás 17:40 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O que foi director financeiro do Grupo de Empresas Álvarez (GEA), que chegou a ser o primeiro grupo cerámico de España, Manuel José Antonio S. --nomeado polo Instituto Nacional de Industria (INI)--, asegurou este luns que, no momento da venda, o grupo estaba en "un momento doce", despois de que se fixese "un saneamento da débeda".

En cando ao prezo da compra-venda, que ascendía a 100 millóns de pesetas segundo a escritura, esta testemuña apuntou que era un prezo simbólico por esta empresa, tendo en conta que presentaba o balance saneado e tiña a maquinaria máis moderna do mercado, pero en todo caso dixo que "definir o seu valor é complicado".

Así mesmo, en canto aos cheques que se fixeron supostamente para a operación de compra-venda, que ascendían a 115 millóns, dixo que llos mandou facer un dos acusados, pero que "ninguén" lle dixo que eran en contraprestación polo prezo abonado; e apuntou que en todo caso é "raro que se emitisen talóns ao portador". "É irregular por eses importes", apostilou.

Este martes tamén compareceron como testemuñas outros dous homes, entre eles o que era secretario de consello e asuntos xurídicos no INI, Luís Felipe C., que manifestou que non participou na negociación da compra-venda, salvo no relativo a un acordo sobre o persoal, e comentou que o prezo que se acordou "debe ser o que constaba no documento público".

SITUACIÓN DOS TRABALLADORES

Nesta segunda xornada do xuízo tamén testificou un traballador de GEA e membro do Grupo de Opinión GEA --colectivo de traballadores afectados polo peche da empresa e personados en bloque como acusación particular--, Ricardo D., quen remarcou que cando a compañía pertencía ao INI os traballadores cobraban "puntualmente todos os meses".

No entanto, tras a venda a Estudesa, "de súpeto empezaron" a atrasarse o cobro dos salarios, cobraban "por partes" e algúns meses non cobraban. "No 94 cobramos tres salarios en todo o ano", afirmou, antes de engadir que en Nadal lles enviaron aos empregados "25.000 pesetas, --dándolles-- as grazas por ser tan colaborativos". "Por traballar sen cobrar, claro", ironizou.

O home considerou que "todo foi unha trampa" e culpou ao catro acusados --un quinto está en paradoiro descoñecido-- de ir "sangrando diñeiro á Xunta e ao Estado", sendo "a mesma xente" que "cambiaba de cara e de plan de viabilidade" para iso. Ademais, arremeteu contra o comité de empresa, por que "non só non apoiaba aos traballadores, senón que --lles-- ameazaba".

O xuízo, que continuará ata o venres na Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra (con sede en Vigo), séguese contra José Orozco R. M., os irmáns Mariano e Francisco J. A., e Vicente M., aos que a acusación particular acusa de estafa, alzamento de bens, apropiación indebida e contra os dereitos dos traballadores.

ANOS 90

Os feitos remóntanse a principios dos anos 90, cando o INI vendeu GEA á sociedade valenciana Estudesa, cuxos responsables, segundo o escrito previo de Fiscalía --que agora considera os delitos prescritos--, "concibiron a idea de obter un beneficio patrimonial ilícito" transferindo patrimonio de GEA a Estudesa e a outra sociedade da que era accionista.

Para iso, fundaron Vanosa en 1993, unha firma cuxo capital era a leira do grupo na parroquia viguesa de Cabral. Usando esa leira como garantía hipotecaria, solicitaron un crédito de 450 millóns das antigas pesetas ao Banco Exterior --2,7 millóns de euros-- que logo non devolveron, polo que a entidade financeira quedou cos terreos.

DO ÉXITO Á QUEBRA

O grupo GEA, creado nos anos 20 por un ourensán retornado de Cuba, chegou a ter máis de 5.000 empregados, cinco plantas de produción e máis de 30 puntos de venda en toda España, especializados en louza, porcelana, vidro e cerámica.

Empresas Álvarez entrou en crises a mediados dos anos 70, debido á acumulación de débedas, a mala xestión e a competencia doutras empresas. En 1976 pasou a mans do INI e, nos 20 anos seguintes, foi cambiando de donos sen que a súa situación económica mellorase, senón todo o contrario.

As débedas con Facenda e coa Seguridade Social, a incerteza sobre o seu futuro e as protestas dos traballadores, moitos dos cales foron despedidos, desembocaron no inevitable: GEA entrou en suspensión de pagos en 1997. A produción mantívose, no entanto, ata outubro de 2001, pero esta industria nunca recuperou os seus niveis de produción, facturación e emprego.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta