O eucalipto en Galicia, da rendabilidade a curto prazo a un problema ambiental

A proliferación sen control do eucalipto nalgunhas partes de Galicia durante os últimos 30 anos está na base dun problema de difícil solución. Mentres os ecoloxistas piden máis man dura para a súa erradicación, os propietarios de montes demandan normativas adecuadas ás distintas zonas de Galicia. A Xunta, polo momento, xoga a dúas bandas consciente do perigo que supón unha especie que é gasolina para moitos montes do país.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 28/06/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

“Hai que plantalo que dá un feixe de cartos”. “Que vai ser malo, oh!...Malo é que se abandone o monte”. “O máis importante é plantalos moi xuntos porque tiran para arriba e aproveitamos a finca”... Son algúns dos argumentos que se escoitan desde os anos 80 en calquera aldea do país e que cuallaron de tal xeito que, hoxe, a súa plantación desmesurada ten creado moitos problemas, tanto para os que o defenden como especie rendible, como para os que queren que se erradique polos grandes problemas ambientais que está a ocasionar en Galicia.

Plantación de eucalipto
Plantación de eucalipto | Fonte: greenpeace.org

Hoxe en día calcúlanse unhas existencias totais de 70 millóns de metros cúbicos de madeira de eucalipto. Foi a comezos da década dos noventa iniciáronse as plantacións comerciais de eucalyptus nitens e, no período 1997-2004, xa eran uns 4 millóns de plantas ao ano desta especie, aproximadamente 3.000 hectáreas por ano.

O incremento foi espectacular e, na actualidade, estímase que xa son máis de 15 millóns de plantas anuais, de 11.000 a 12.000 hectáreas por ano, correspondentes tanto a transformacións de montes arborizados como a novas plantacións. En canto ás cortas desta especie, unha estimación conservadora situaríaas en 2017 en 1,5 millóns de m3 anuais. 

Pero o eucalipto non é unha especia invasora só en Galicia. En Europa abrangue un territorio que vai desde o País Vasco ata o sur de Portugal, bordeando o Cantábrico e o Atlántico. En total son arredor de 1.300.000 ha de superficie ocupada, repartida entre España (600.000 ha) e Portugal (700.000 ha), case a totalidade de propiedade privada e salpicada de descontinuidades. No caso de Galicia, as masas puras de eucalipto (290.000 ha) forman un ecosistema forestal semellante ao dos eucaliptais na rexión Centro de Portugal (240.000 ha) –onde tivo lugar o grave lume no que morreron 64 persoas--.

A metade de eucaliptos de todo o Estado

Avance do eucalipto fronte ás carballeiras
Avance do eucalipto fronte ás carballeiras | Fonte: Adega

O Mapa Forestal de España recolle que Galicia concentra a metade de montes con masas puras de eucalipto do Estado, cun predominio destas masas no norte de Galicia. A elas hai que sumar a presenza de eucalipto nunhas 434.000 ha de montes nos que o eucalipto se atopa mesturado con outras especies. Esta superficie superou xa o obxectivo que o primeiro Plan Forestal de Galicia establecía para a superficie de eucalipto (245.000 ha). E é nestas zonas mixtas onde está o principal problema desta especie porque non está ordenada a súa produción e, en caso de lumes, é unha especie de alta combustión.

A maior parte da explotación desta madeira, uns 23,5 millóns de m3 (37,3% do total) sitúanse entre Ferrol-Ortegal e a Mariña Luguesa. Deles, un mínimo de 2,3 millóns de m3 eran xa de eucaliptos nitens en 2009. 

Non obstante, e a pesar da gran estensión de plantacións de eucaliptos en Galicia a súa rendabilidade é cuestionada. Por unha parte, polo tipo de especie, xa que o nitens –moi común no país é menos rendible económicamente que o globulus-- e, pola outra, porque, agás no norte de Galicia, non hai grandes masas arboreas esplotadas de xeito empresarial.

Así, segundo suliña a Asociación Forestal de Galicia (AFG), nos terreos axeitados e ben xestionados, o cultivo do eucalipto é rendible. Considérase que con producións por debaixo de 15 m3 /ha/ano os investimentos en eucalipto non resultarían rendibles para o propietario. Neste sentido, e a pesar do seu maior rendemento económico, suliña que o eucalipto globulus “só é rendible en montes de boa calidade con alto nivel de mecanización, acadando TIRs (taxa de retorno de rendibilidade) por enriba dun 7%”. “O caso do eucalipto  nitens é moi semellante, se ben se requiren crecementos medios superiores para acadar os mesmos niveis de TIR, dado o menor prezo da madeira no mercado”, engade.

Rendabilidade

Segundo o catedrático de Produción Vexetal da Universidade de Santiago de Compostela, Roque Rodríguez Soalleiro, que esta fin de semana moderou un coloquio da AFG , no caso de que se quixese restrinxir a plantación do eucalipto, “parece oportuno facer antes unha análise económica para ver onde non sería rendible e o impacto da medida para ordenar o territorio de forma óptima e establecer compensacións económicas pola perda de rendas nas zonas onde se restrinxa a súa plantación”.

Precisamente, nesa xuntanza que tivo lugar en Monforte, indicouse a importancia económica do eucalipto en Galicia, en particular en comarcas como a Mariña Lucense e Ortegal, onde a actividade de silvicultura e aproveitamento, asociada mesmo á certificación forestal de grupos de pequenos propietarios, “xera moito emprego”. “A importancia no rural e o positivo impacto económico nos pequenos propietarios é evidente”, indicouse.

Así, no encontro destacouse a necesidade de que os propietarios se asocien para poder comercializar a madeira en mellores condicións, mediante vendas por tonelada e lotes de suficiente dimensión, que supoñan mellores prezos. Incidiuse asemade na necesidade de mellorar a profesionalización e dignificar a actividade dos traballadores forestais.

Lexislación

Con todo, e a pesar das leis, o certo é que a imaxe social do eucalipto está moi deteriorada. Ata tal punto que o propio Goberno galego, sempre a favor da plantación desta especie, comeza a mudar de opinión.   Na actualidade, en Galicia e en Portugal estase en proceso de elaboración e aprobación, respectivamente, de normas restritivas a este tipo de cultivo. No caso concreto de Portugal a nova regulación, baseada nunha proposta de reforma legal actualmente na Asemblea da República, formula a imposibilidade de plantación nos baldíos --figura similar ós montes veciñais en man común--, a restrición en terreos agrícolas e a imposibilidade de incrementar a superficie forestal plantada, salvo compensacións de áreas onde se cambien os eucaliptais por outras masas arborizadas por mala adaptación da especie. 

Pola contra, en Galicia, estase traballando nun borrador de decreto de regulación das plantacións de eucalipto que, en principio, contén disposicións non incluídas nas directrices básicas acordadas para a revisión do Plan Forestal de Galicia, ao non incorporar ningún tipo de medida compensatoria ou consideracións baseadas na ordenación do territorio. Por iso, as principais organizacións con presenza no Consello Forestal de Galicia rexeitaron a proposta de decreto presentada en febreiro pola Xunta de Galicia. Os propietarios forestais, nomeadamente da metade sur da provincia de Lugo, amosaron o seu descontento polas posibles restricións á plantación de eucalipto que se prevén no borrador de decreto de regulación e polos agravios comparativos entre os propietarios forestais de diferentes comarcas. 

A Asociación Forestal de Galicia lembra que hoxe en día, as plantacións de eucalipto en Galicia están, de feito, restrinxidas por varias disposicións normativas, das que as máis importantes derivan da lei 7/2012 de Montes e do Plan Director da Rede Natura 2000. O profesor Rodríguez Soalleiro insistiu neste encontro que o sistema galego de I+D terá que dar apoio tecnolóxico ao emprego da madeira de eucalipto, á xestión racional e sostible das súas masas e a outras especies que acaden niveis semellantes de rendibilidade económica. 

Varias asociacións que agrupan a propietarios do centro e sur da provincia de Lugo expresaron a súa preocupación pola falta de alternativas e iniciativas rendibles para as súas terras e contra o abandono e demandaron que as normas que se establezan veñan acompañadas de compensacións axeitadas pola perda de rendas que supoñen as restricións á produción de madeira.

Non obstante, a Xunta defende a súa normativa e insiste en que leva tempo tentando “reorganizar” a plantación de eucalipto. Asegura que o problema non é tanto da especie, senón da xente, que a planta en lugares e zonas inapropiadas e que, en moitas ocasións, deixa abandonada esa pequena explotación. Un abandono que, insiste, está detrás da maior parte dos incendios que teñen lugar en Galicia.

Impacto

No que coinciden propietarios de montes e ecoloxistas é no impacto que esta especie causa na paisaxe galega. De feito, diversos estudos demostran que a diversidade biolóxica animal e vexetal é menor en eucaliptais que en piñeirais, bosques autóctonos e agrosistemas nos que se conservan as sebes e valados. Igualmente, estudos de psicoloxía da paisaxe amosan a preferencia dos cidadáns polas paisaxes dos bosques naturais e escenarios agroforestais en mosaico, e sitúan os cultivos forestais monoespecíficos e coetáneos extensos entre os menos apreciados.  

Neste sentido, a organización ecoloxista Adega denuncia o risco que supón esta especie para os ecosistemas e, especialmente, o perniciosos que son en caso de incendios forestais. “Hoxe a eucaliptiación avanza porque quenes tiran beneficio dela perceben a pasividade da Xunta, o seu desleixo e deixar facer”, denuncia. “Como sociedade debemos reaccionar perante esta situación, manifestando o noso rexeitamento, presionarmos para que se cumpran as leis, loitarmos polos recursos que estamos a perder, imprescindíbeis para a vida, e procurarmos un medio rural máis sustentábel e un territorio máis ordenado e xusto”, engade.

Denuncias

Só dende 2016, esta organización ecoloxista presentou 300 denuncias por talas e plantacións ilegais de eucaliptos na provincia de Lugo. Destas, un 10% remataron con arrincado dos eucaliptos e sanción, un 12% foron desestimadas e o restante 78% simplesmente ficaron sen resposta. 

“Grande parte das infraccións son arquivadas sen apertura de expediente sancionador, sen reparación de dano, e sen existir motivos suficientes para xustificar tal arquivo”, suliña ao tempo que critica á Xunta por non facer nada ao respecto.

Ademais, destaca que Medio Rural non é o único organismo público reticente a actuar fronte aos plantíos ilegais de eucalipto. Dende o pasado ano, Adega e Mariña Patrimonio presentaron 60 denuncias contra a industria forestal por danos a xacementos arqueolóxicos nos labores de tala ou repoboación. Destas 60 denuncias, ó 22 obtiveron resposta da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e destes 22 casos, só 2 deron lugar a expedientes sancionadores. 

“Estes datos veñen a demonstrar a falla de vontade política dalgunhas administracións por poñer límites ás plantacións de eucalipto en Galiza. O seu desleixo e inacción fainas cómplices de acontecer unha catástrofe como a de Portugal”, advirte. 

Así, por unha banda, os propietarios demandan que as normas que se establezan veñan acompañadas de compensacións axeitadas pola perda de rendas que supoñen as restricións á produción de madeira e polas externalidades que producen os seus montes. E, pola outra, os ecoloxistas piden máis man dura para a súa erradicación e un maior control nas tallas para a produción empresarial. No medio, a Xunta, que responsabiliza aos propietarios do abandono dos montes pero sen acabar de regular, por completo, unha especie que se converteu nun problema ambiental en Galicia.

Plantacións de eucalipto no norte da Península
Plantacións de eucalipto no norte da Península
Esplotación controlada de eucaliptos
Esplotación controlada de eucaliptos
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 13 comentarios

2 Francisco

A paisaxe allea do eucalipto vai restarlle a Galicia un gran potencial turístico. Entre o feismo urbanístico e o eucalipto estamos a facer de Galicia un lugar sen atractivo ningún.

1 Arturo

Se por prohibir a plantación de eucaliptos compre pagar " indemnizacións" aos propietarios, imos aviados. Eiquí todo o mundo quere chupar. Menos mal que o artículo non repite o mantra do BNG, de que a proliferación salvaxe do eucalipto é " consecuencia" da política forestal da Xunta coma se a Xunta fose a dona dos montes,a que prantara eucaliptos, ou a que obrigara a plántalos. Son os propietarios os que os plantan: é algo obvio, pero , ainda que pareza increíble, moita xente tenta " disimular" esa realidade. A única solución é a prohibición ( sen indemnización, claro ) do maldito eucalipto en amplas zonas do país. Non hai outra.

1 Androide

Ergo, a Xunta ten que tomar as medidas -por exemplo, legais- necesarias para evitar a catástrofe. Se non as toma podemos afirmar que " a proliferación salvaxe do eucalipto é " consecuencia" da política forestal da Xunta" (vaia, como di o BNG)

2 Mejuto Confidencial

E que fixo o BNG contra a eucaliptización de Galiza cando a Consellería de Medio Rural estivo nas mans do coronel da UPG Suárez Canal entre 2005 e 2009? Queremos saber.

3 LKI

O BeNeGá cando levou Medio Rural no bipartito non fxo nada contra o eucalipto, nin contra ENCE, Reganoxo, e outras mafias ecocidas coloniais. Por iso o pobo se organizou coa rede Galiza Non Se Vende.