Feijóo remarca Galicia como "nacionalidade histórica" e defende "perfeccionar" o Estado autonómico sen "liquidalo"

Cristina Pato erixe Galicia en "nación chea de valores" ao recoller a súa Medalla Castelao, con Gayoso, Beramendi, Nove e o Oceanográfico vigués

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2017 | Actualizada ás 16:42 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, remarcou que a Constitución, o Estatuto e o pobo galego "consagran" a Galicia como "nacionalidade histórica" e, aínda que admitiu que o Estado autonómico é "perfectible", rexeitou a súa "liquidación irreflexiva" ou priorizar debates nominais que den "sombra" a cuestións "máis relevantes" como a solidariedade entre territorios.

Acto de entrega das Medallas Castelao
Acto de entrega das Medallas Castelao | Fonte: Europa Press

Na entrega das Medallas Castelao, nun escenario político marcado polo desafío soberanista de Cataluña, o presidente da Xunta e líder do PP galego defendeu que o Estado autonómico "pode e debe ser perfeccionado", pero rexeitou explicitamente a súa "liquidación irreflexiva".

A modo de argumento, sinalou que "nin o retorno ás fronteiras, nin o esmorecemento do proxecto europeo, nin a liquidación irreflexiva do Estado autonómico conducen a ningunha parte". "Mellor dito, levan á frustración, ao enfrontamento e á división", dixo.

Ante os galardoados --a gaiteira Cristina Pato, o Grupo Nove, o presentador Xosé Ramón Gayoso, o historiador Xusto Beramendi e o Oceanográfico vigués-- e as numerosas autoridades que acudiron ao acto celebrado no Museo do Pobo Galego, Feijóo lembrou dúas efemérides "agridoces" do 28 de xuño (de 1936 e 1984) que falan de "posibilidades abortadas e vidas apagadas".

Aludía á cita coas urnas do 28 de xuño de 1936, cando o pobo galego implicábase para plebiscitar un Estatuto de Autonomía que finalmente non se aplicou; e á mesma data do ano 1984, cando retornaban a Galicia os restos de Alfonso Rodríguez Castelao, tras "un exilio cruel" que non lle impediu estar "'Sempre en Galiza' e imaxinar para o seu país un futuro esperanzado".

"Son momentos da nosa historia que convidan a pensar que sucedería se aquel Estatuto entrase en vigor, e se aquel político e artista puidese verter na súa terra a súa sabedoría e a súa comprensión íntima da identidade galega. Non o sabemos", reflexionou, antes de incidir en que "un bo reflexo do éxito colectivo" que supón a "Galicia contemporánea" reside no "novo significado" do 28 de xuño.

Para Feijóo, xa non evoca "instantes amargos, senón que se transforma nun día para loar" o que son os galegos a través de figuras "admirables". A continuación, tivo unhas palabras de recordo para unha destas figuras, que acaba de falecer, Alfonso Zulueta, Medalla Castelao 2000 e "xa galego ilustre para sempre".

"A GALEGUIDADE NON SE PROTEXE CON MUROS"

No seu discurso, o presidente apelou a "aproveitar a globalización" nun tempo no que este fenómeno, recalcou, vese convertido "por algúns" na "orixe de todos os males" e o proteccionismo "na solución para todos os problemas". Feijóo avogou por non caer nun "debate nesgado".

Ao tempo, recoñeceu que "non todo é bo na globalización, nin na Unión Europea, nin na actual España das autonomías. "A globalización hai que gobernala. Á Unión Europea hai que darlle un novo impulso social. A estrutura autonómica pode e debe ser perfeccionada", defendeu.

Iso si, rexeitou o "retorno ás fronteiras", o "esmorecemento do proxecto europeo" e a "liquidación irreflexiva do Estado autonómico". Non en balde, erixiu Galicia en "un dos primeiros pobos globais" como resposta a "un aislacionismo imposto" e mostrouse convencido de que "rexorde cando se proxecta ao exterior".

"Estas décadas demostran, ademais, que a galeguidade non se protexe con muros, senón cunha permanente interrelación coas culturas veciñas", proclamou Feijóo, antes de lembrar a Ignacio Echeverría, o mozo galego que faleceu en Londres e que identificou como "un exemplo de globalización solidaria contra o despropósito terrorista".

"O PODER DE UNIR"

A continuación, Feijóo reivindicou o papel de Cristina Pato na música e compartiu que, como se dicía na presentación do concerto de despedida ao director musical da New York Philarmonic na que ela participou hai pouco, "a música ten o poder de unir a través das fronteiras".

"Tamén a cociña", continuou Feijóo, quen sinalou que o Grupo Nove, que agora conforman 24 cociñeiros, compasa a súa gastronomía a unha Galicia "aberta a todas as tendencias". "É o seu un tradicionalismo innovador, ou unha innovación tradicional", aseverou.

Para Feijóo, os cen anos de vida do Oceanográfico de Vigo fixeron del unha "referencia internacional". "Grazas ao traballo de tantos profesionais, océano xa non equivale a algo descoñecido, senón a un medio que se coñece, investígase e que é necesario protexer", remarcou.

A Xosé Ramón Gayoso, chanceou Feijóo, débelle Galicia "unha aposta precursora polo aforro enerxético" co seu 'Apaga ou candil' --a canción icónica do programa 'Luar'--. Del, afirmou que "rompe a falsa dicotomía" entre a televisión popular e a televisión de calidade.

"GALEGUISMO COMÚN"

"Poucas biografías hai máis globais" que a de Xusto Beramendi, continuou Feijóo, quen lembrou as orixes do historiador e sinalou que a súa obra 'De provincia a nación' é "o máis semellante a unha epopea na que o galeguismo camiña na busca da súa definición".

Feijóo diferenciou entre o "galeguismo espontáneo, sentido pola xente", e o formulado "por teóricos e intelectuais", sen que ambos "puidesen interactuar debido á carencia dunha democracia plena, estable e duradeira".

Con todo, apuntou que agora si hai esa "democracia" e un "galeguismo compartido definido periodicamente pola vontade popular". "Creo que ese galeguismo común atopou unha definición do que somos que non satisfai a todos pero non exclúe a ninguén", proclamou, antes de remarcar o carácter de Galicia como "nacionalidade histórica" e rexeitar debates "nominalistas" que aparten a solidariedade.

"NACIÓN CHEA DE VALORES"

Ao recoller as súas distincións, todos os galardoados tiveron palabras de agradecemento. O primeiro foi Xusto Beramendi, quen enxalzou os valores que representa Castelao, como "a defensa da identidade galega" e a loita contra a inxustiza social, satisfeito por recibir unha medalla que leva o seu nome.

Tomoulle a testemuña Xosé Ramón Gayoso, quen protagonizou un emotivo discurso no que recoñeceu o papel da súa familia, ademais de subliñar a responsabilidade de recibir unha Medalla Castelao. Finalizou co desexo de que "a súa humilde achega" o faga ser merecedor do cualificativo de "bo e xeneroso".

Aínda emocionada polas palabras de Gayoso e co chal preparado pola súa nai "para algunha romaría", Cristina Pato reivindicou un país que aposte pola cultura, pola lingua e unha identidade galega "forte" como motor de desenvolvemento. Nun discurso no que incidiu no papel da muller e da emigración, erixiu Galicia "nunha nación chea de valores".

Á súa vez, a directora do Oceanográfico de Vigo, Vitoria Besada, defendeu o traballo dos profesionais do centro e situou a Medalla como "un impulso" para seguir avanzando; mentres que o presidente do Grupo Nove, Miguel Ángel Campos, subliñou o papel deste colectivo na promoción da cociña galega contemporánea fora das fronteiras da comunidade.

Como é habitual, ao acto acudiron numerosas autoridades, ademais de Feijóo e as súas conselleiros. Entre outros, estiveron presentes o presidente do Parlamento, Miguel Santalices; o delegado do Goberno, Santiago Villanueva; deputados de PPdeG e de PSdeG; así como os alcaldes de Lugo, Lara Méndez (PSdeG); Ourense, Jesús Vázquez (PP); e Santiago, Martiño Noriega (Compostela Aberta).

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta