Falece o intelectual galego Alfonso Zulueta de Haz

O ex-presidente do Consello da Cultura Galega e integrante da Fundación Penzol faleceu en Vigo aos 93 anos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2017 | Actualizada ás 16:42

Comparte esta noticia

O notario e intelectual galego Alfonso Zulueta de Haz faleceu en Vigo aos 93 anos. Así o confirmou o Consello da Cultura Galega (CCG), que lamentou esta noticia e trasladou o seu pésame aos familiares do que foi o seu presidente, do que destacou o seu "compromiso forte e decidido" en favor da cultura galega. Zulueta asumiu a presidencia do CCG tras a morte de Carlos Casares, en 2002, e desempeñou o cargo ata o ano 2006, en que foi elixido Ramón Villares, actual presidente.

Alfonso Zulueta de Haz
Alfonso Zulueta de Haz | Fonte: Europa Press.

O Consello da Cultura destacou "a súa entrega en favor da cultura galega, así como a súa sensibilidade no ámbito social", coa súa participación en institucións como as fundacións Penzol, Xoán XXIII, Sálvora, Illa Couto, Otero Pedrayo ou a Editorial Galaxia e no Ateneo de Pontevedra, entre outras.

Ademais, destacou o seu labor como impulsor da tradución da Biblia ao galego e a súa contribución a normalizar o galego no ámbito xurídico.

TRAXECTORIA

Nado en Pontevedra en 1924, estudou Dereito e os cursos de doutoramento en Santiago de Compostela. En 1956 aprobou as oposicións a notaría e estivo destinado en Málaga, Marín, Ferrol e Vigo.

O compromiso vital de Alfonso Zulueta de Haz pivotou sempre entre os eixos social e cultural. No primeiro desenvolveu un amplo labor de dedicación ás persoas con discapacidade intelectual a través de entidades como a Asociación Xoán XXIII -da que foi fundador e asesor xurídico-, a Fundación Tutelar Galega 'Sálvora', a Confederación Española de Fundacións e a Xunta Directiva da Federación de Asociacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual de Pontevedra.

En canto ao seu papel dentro da cultura galega, destaca o ser presidente da Editorial SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos), promotora e editora da primeira tradución da Biblia ao galego desde as linguas orixinais; así como diferentes postos de responsabilidade na Fundación Penzol, no consello de administración da Editorial Galaxia e nas fundacións Otero Predrayo, Wenceslao Fernández Flórez, Illa Couto e Castelao, entre outras.

Do mesmo xeito, Zulueta de Haz mantivo un "profundo compromiso político e democrático", que se plasmou na fundación do Partido Galego Social Demócrata (1974-1978) e no Partido Galeguista (1974-1982).

Ademais, participou na redacción do Estatuto de autonomía de Galicia (1980) no referente ao dereito e idioma galegos como mérito preferente para a provisión de notarías.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Eu mesmo

Un dos bos e xenerosos. RIP