Experiencia para o Obra

O escolta David Navarro, de 1,89 e 34 anos, segunda fichaxe para a vindeira campaña do equipo compostelán, que conta xa con sete xogadores. O xogador catalán regresa a Santiago once anos despois do seu paso polo Rosalía de LEB Prata.

Por gcdeportes | Compostela | 28/06/2017 | Actualizada ás 18:27

Comparte esta noticia

A vindeira campaña, o Obradoiro optará por un plantel con tan só dous bases puros. Para completar aos dous directores de xogo, estará o escolta David Navarro, de 34 anos e ampla experiencia, procedente do Andorra, a segunda fichaxe do equipo de Moncho Fernández para a campaña 2017-18 tralo letón Martins Laksa. Navarro, que este xoves visitará o campus Obradoiro-Barbanza en Boiro, volve deste xeito once anos despois a Compostela, onde xa xogou nas filas do Rosalía en LEB Prata entre 2004 e 2006.

David Navarro, procedente do Andorra, segunda fichaxe obradoirista.
David Navarro, procedente do Andorra, segunda fichaxe obradoirista. | Fonte: ACBPhoto

“Con David incorporamos a un xogador nacional, experto e polivalente, con capacidade de sumar ao equipo en moitas facetas e de xerar xogo a través do bote. Ven tamén para completar a dirección do equipo, xunto aos dous bases que fichemos”, apunta José Luis Mateo, director xeral do club.

O Obradoiro anunciou este mércores o acordo con David Navarro e o catalán, saído da canteira do Manresa, convertese na segunda fichaxe compostelá. Procede do Morabanc Andorra de Joan Peñarroya, equipo no que promediou 6 puntos (51% en T2, 28,6% en triplas e 74,6% en tiros libres), 2,1 rebotes e 1,8 asistencias en case 19 minutos de xogo na pasada ACB. Xogará en principio dúas campañas no Fontes do Sar.

Escolta de 1,89 metros, acumula unha longa traxectoria en diferentes categorías do básquet profesional: ACB (Andorra, 2014-17; Valladolid, 2012/13; e Valencia, 2010/11); LEB Ouro (Menorca, 2011/12; Girona, 2009-11; e Melilla, 2003/04); e LEB Prata (Caja Rioja, 2008/09; Gestibérica Vigo, 2006/07; e Rosalía). Conta con dous títulos de campión da LEB Ouro (2012 e 2014) e unha Copa Príncipe de Asturias.

Con David Navarro, o Obradoiro conta xa con sete xogadores con contrato: Alberto Corbacho, Martins Laksa, Eimantas Bendzius e Navarro como exteriores; Nacho Llovet, Adam Pechacek e Artem Pustovyi no xogo interior. Con toda probabilidade, o escolta catalán, de 34 anos, será o xogador máis veterano do plantel, por riba dos 32 de Alberto Corbacho.

Mentres, a ACB deu a coñecer os xogadores sobre os que Obradoiro anunciou que exercerá o dereito de tanteo, entre os que se atopan os bases Pepe Pozas e Mickey McConnell (este xa fichou polo Oldenburg alemán) e os pivotes Rosco Allen e Shane Wittington. O base Albert Sabat, que tería unha oferta do equipo compostelán, está nesa lista polo Joventut.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta