Temas: EMERXENCIAS

O cargo do PP e de Protección Civil vende tamén ao concello no que é empregado público

Móvete desvela que as empresas do coordinador de emerxencias e da súa muller facturaron máis de 75.000 euros ao Concello da Estrada nos últimos anos. O BNG pide unha comisión de investigación e pon o foco noutro contrato con Ricarsat de 280.000 euros.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 29/06/2017 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A exclusiva de Galicia Confidencial sobre os negocios do coordinador de emerxencias da Estrada segue a provocar reaccións. Dous  grupos da oposición publicaron este mércores datos sobre como Ricarsat, empresa da que Carlos Faílde é administrador único, e Emersafe, administrada pola súa muller e na el é apoderado, facturan ao Concello da Estrada. 

Á esquerda, o alcalde da Estrada, Rueda e Faílde, de uniforme, nun acto oficial na Estrada nunha imaxe da web de Vicepresidencia
Á esquerda, o alcalde da Estrada, Rueda e Faílde, de uniforme, nun acto oficial na Estrada nunha imaxe da web de Vicepresidencia

 

Faílde é, ademais de membro da dirección local do PP, coordinador  do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) e do Servizo Municipal de Protección Civil (SMPC) da Estada. É dicir, as empresas que dirixe véndelle á administración pública na que el ocupa un cargo público; material moitas veces do mesmo campo, as emerxencias, no que el ten responsabilidade. Algo que pode violar a Lei de Incompatibilidades estatal, que tamén se aplica aos traballadores municipais.

 

Movemento veciñal Estradense (Móvete) asegura que “no período 2011 - 2014 exercendo Failde como xefe de emerxencias, son recurrentes as adxudicacións de servizos e pagos de facturas a nome da empresa da que él é administrador, Ricarsat”. Faílde é administrador único desa empresa dende 2014 pero antes traballaba, segundo o seu Linkedin, como responsábel das tendas da empresa.

 

Móvete atopou na documentación oficial do Concello sete facturas a Ricarsat por máis de 75.000 euros que varían dende cursos de informática, até material de incendios, para a policía local, material de rescate e servizos ofrecidos a propia Protección Civil que coordina faílde. O Concello mesmo lle comprou tinta para a impresora. 

 

En 2015, cando Faílde xa era Administrador Único de Ricarsat, Móvete di que atopou facturas por 2.881 euros a Emersafe. Nesta outra compañía Faílde figura só como apoderado, pero a administradora é a súa esposa, segundo o Rexistro Mercantil.

 

Pola súa banda, dende o BNG reclaman ao alcalde, do Partido Popular, “a convocatoria dunha comisión de investigación no concello para aclarar todos os contratos adxudicados ás empresas vinculadas ao xefe de Protección Civil da Estrada, Carlos Faílde, e membro da executiva local do PP”.

 

Os nacionalistas reclaman unha “especial investigación da adxudicación dun contrato de 280.000 euros, da que foi beneficiaria a empresa que agora rexenta Carlos Failde”.  Din que ese contrato foi adxudicado a dedo a través do padroado da Fundación Cultural “ algo que vulneraba, xa naquela altura, toda a lexislación de contratos coa administración pública”. A fronte asegura que o grupo de empresas de Faílde logrou máis de 400.000 euros de contratos a través do programa A Estrada Dixital. 

 

Resposta do alcalde

 

Polo de agora o alcalde négase a destituír a Faílde, como lle pide o PSOE, aínda que as explicacións sobre o seu estatus son confusas. Segundo explica Blanca Paz, en Faro,  José López di que Faílde é "un operario de Protección Civil al que yo le pedí que hiciese las labores de coordinación, sin remuneración". Algo que contradín múltiples imaxes de actos oficiais, nas que se ve a Faílde cun uniforme especial, canda as autoridades, mentres os peóns figuran en segundo plano. Por exemplo esta imaxe. Fontes locais aseguraron a GC que Faílde cobra un complemento semestral por coordinar Protección Civil, ademais do soldo como peón deste servizo público.

 

López tamén argumenta que non hai incompatibilidade dado que os contratos de Ricarsat e Emersafe foron coa Xunta. Agora ben, o alcalde refírese aos contratos que revelou GC o luns, que efectivamente eran coa Vicepresidencia. Está por ver o que di agora, se di algo, cando Móvete e BNG desvelaron que as empresas de Faílde tamén facturan ao propio Concello. 

 

 

 

Temas: EMERXENCIAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Ful

Estradense de toda a vida, que eres un estomago agradecido, tes intereses particulares no asunto ou mentalidade de vasallo???

1 PRONADOR E SUPINADOR

fiscalía anticorruPPcion pero que esperan para actuar!!! e que e de xulgado de garda... agarren o presunto e convertan en investigado... e de necesidade... onde están as incompatibilidades... e por favor o dos mil euro cobrados por " voluntariado" e moito... os voluntarios non cobran cartos... xa basta de engañifar asi a xentiña!

1 Estradense de toda a vida.

Pero de que falas home. Pena das. Seguro que es un móvete deses que na vida deu pau a auga. Non hai incompatibilidades non delito senón entérate. Delito é o deste xornal que calumnia gratis.